Sechu López chegou onte ao Campo dous e hoxe continuará co seu descenso

vigo / la voz

DEPORTES

O montañeiro comunicou coa súa familia pouco antes das seis da tarde

04 oct 2013 . Actualizado a las 11:37 h.

Ata a media tarde de onte Sechu López tivo en vilo á súa xente. O montañeiro, que o mércores fixo cumio no Shisha Pangma, comunicouse coa súa familia pouco antes das seis da tarde para informalos de que se atopaba en perfecto estado no Campo 2 logo de ter descendido dende o Campo 3, no que fixo noite trala durísima experiencia da ascensión.

O seu irmán, Xulio López, recoñecía que pasaran un mal anaco á espera de noticias de Sechu, polo que logo de recibir a ansiada chamada, a tranquilidade instalouse de novo entre familiares e amigos do montañeiro vigués. Sobre todo, porque Sechu lles transmitiu unha mensaxe optimista a pesar da dureza das condicións que o rodean. O forte vento e a neve están a azoutar o Shisha Pangma, polo que o avance do montañeiro é paseniño.

O descenso ata o Campo 2 levoulle ao alpinista moito máis tempo do previsto. «O que lle levou o outro día hora e cuarto, hoxe [por onte] levoulle sete horas e media», explicaba Xulio López, que lembrou que no descenso Sechu vai cargado coa equipación pertinente.

A pesar da dureza extrema do cumio, onte Sechu atopábase ben física e anímicamente. «Xa se sinte mellor, a xornada non foi tan dura como as dúas anteriores e víase moi animado e tranquilo», subliñaba seu irmán, que destacou que se atopa perfectamente abastecido, con comida e gas nun Campo 2 baleiro, e no que só se atopan as tendas de outros expedicionarios pendentes de decidir se buscan cumio ou non.

Descenso paso a paso

Sechu López encarará o descenso ata o campo base sen présas. «Ten de marxe ata o día seis, e prefire ir con calma, non apurarse porque ten tempo», aclaraba onte Xulio López. Tras baixar dende o Campo 3 as condicións de osíxeno melloraron sensiblemente, e iso favorece a Sechu, que hoxe en principio tentará chegar ata o Campo 1, e, se unha vez alí se atopa con forzas, podería tentar acadar o Campo base. Sen embargo, as previsións climatolóxicas, aínda que algo mellores que en días pasados, seguen a ser moi duras, con vento e neve.

A prioridade é que Sechu descenda san e salvo logo de acadar o cumio do seu terceiro oitomil.