Rosana Carballés: «Vexo a eliminatoria ao 50% e haberá que pelexar moito, tanto en Madrid como en Burela»

M. A. LESTEGÁS VIVEIRO / LA VOZ

DEPORTES

Rosana, coas cores atléticas.
Rosana, coas cores atléticas.

07 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Se para unha xogadora do Navalcarnero vai ser especial a Supercopa de España, esa é a valadourense Rosana Carballés (Venezuela, 1986). Pese a ser a terceira volta na que se enfronta «ao meu equipo de sempre», logo da experiencia no Valladolid, o feito de que haxa un título en xogo fai estes partidos «aínda máis especiais».

-Como chega o seu equipo á Supercopa?

-Creo que chegamos nunha liña ascendente. O equipo remodelouse moito, con xente xoven e un adestrador novo. Pese a estar empezando, creo que se poden facer as cousas ben. De feito, vimos de gañar o torneo da Comunidad de Madrid.

-Pode decidirse o título xa no partido de Madrid?

-Paréceme difícil que se decida nun só partido. Somos dous equipos fortes e creo que as forzas están bastante igualadas porque ambos equipos empezamos de cero ao ter novo adestrador. A eliminatoria está ao 50% e vai haber que pelexala moito.

-Vista Alegre pode ser un factor determinante?

-Si, xogar en Vista Alegre como visitante sempre é negativo e facelo como local sempre dá un plus. Por iso intentaremos irnos de Madrid cunha renda boa.

-As baixas de Jozi, Marcela e Paula son unha boa nova?

-Se somos egoístas, nunca queres ter enfronte a xogadoras da talla de Jozi e Marcela, pero prefiro medirme a un Burela ao completo, xa que axuda ao espectáculo e supón unha motivación extra.