«As fichaxes irán en función das baixas que se produzan»

MIGUEL ALBO VIVEIRO / LA VOZ

DEPORTES

28 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O adestrador viveirense Quico Otero (Viveiro, 1961) afronta cheo de ilusión a súa primeira experiencia no banco dun equipo feminino, no que suporá o reto de tentar manter a traxectoria vitoriosa que trazou o Burela FSF na pasada campaña.

-¿Tiña ganas de volver adestrar na Mariña e na elite?

-Si, porque é unha oportunidade importante e supón unha grande motivación.

-É a súa primeira experiencia nun conxunto feminino. ¿Como a afronta?

-Penso que hai que partir da base de que o fútbol sala é igual en todas as categorías. Pódese diferenciar un pouco na intensidade e nos aspectos técnicos, pero o único que temos que facer é adaptarnos a eles.

-O listón quedou moi alto.

-Si, hai que recoñecer o gran traballo feito tanto por Julián Amarelo como por Javier Pardeiro. Na historia quedarán reflectidas para sempre as metas que conseguiron ambos. Primeiro Amarelo logrando o ascenso a Primeira e logo Pardeiro co título de Liga e a Copa de España. Iso é inamovible. Agora temos que intentar ter a humildade suficiente para seguir competindo a un gran nivel e respectando moito aos rivais, sabendo que para o ano que vén sairemos como o equipo a bater.

-O inicio será moi forte, coa disputa da Supercopa de España diante do Atlético de Madrid Navalcarnero.

-A verdade é que si. Imos ter un inicio forte e tentaremos responder. A miña intención é que o equipo compita con garantías desde o principio.

-¿Por que estilo de xogo vai apostar?

-A min gústame o fútbol sala total e que o equipo intente xogar do xeito no que traballamos durante a semana. Gústame que nun determinado momento xogue de 4, noutro co 3-1 e noutro presionando a toda cancha de forma asfixiante ou agardando atrás ao rival. En función da situación do equipo e de quen teñamos enfronte optaremos por unha cousa ou outra.

-As marchas de Dolo, Lucía e Haydée farán necesario fichar.

-Reuninme xa varias veces co presidente para ir planificando a plantilla e estase falando con varias futbolistas para cubrir esas baixas. En función das que se produzan finalmente virán o mesmo numero de xogadoras e se aparece a opción de traer a algunha xogadora importante tamén o intentaremos. De momento é seguro que non seguirán Haydée e Lucía, de Dolo aínda non sei nada seguro [este diario adiantou que non continuará], só os comentarios que se escoitan pola rúa. Así mesmo, intentarei respectar ao máximo ás xogadoras que veñen desde atrás e que non só estean adestrando. O meu obxectivo é que todas esas rapazas vaian adquirindo minutos e a confianza necesaria para ter o seu propio rol e aportarlle minutos na rotación ao equipo.

-¿Dany continuará un ano máis?

-Seguimos na mesma situación, á espera de que ela tome unha decisión. A nosa oferta de renovación tena enriba da mesa e de momento non dixo nin que si nin que non.

-¿Cando comezarán os adestramentos?

- Aínda non pechamos a planificación totalmente, pero supoño que o faremos a primeiros de agosto.

-¿Xa decidiu quen o vai acompañar no corpo técnico?

-De momento non. Temos varias posibilidades e estámolas valorando.

-¿Como cre que o vai recibir a afección de Vista Alegre?

-Todo o mundo coñece a miña paixón polo fútbol sala e que sempre intento aportar moito traballo. Espero que os resultados nos avalen para que nos animen en todo momento, porque é unha afección moi respectuosa e que sempre destacou por apoiar moito ao seu equipo.