Pablo Cacheda: «Temos todas as opcións do mundo para salvarnos»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo VIGO / LA VOZ

DEPORTES

Oscar Vazquez

O lalinense reencontrouse en Aranda coa mellor versión do seu xogo

14 may 2013 . Actualizado a las 13:42 h.

A mellor versión do Academia Octavio xurdiu en Aranda na xornada chave. E fíxoo da man dun Pablo Cacheda que, logo dun mes arrastrando molestias, volveu pola porta grande. Liderou o ataque vigués no partido no que o equipo de Quique Domínguez se reenganchou á vida.

-O trunfo ante o Villa de Aranda deu alento ao Octavio.

-Fixemos un moi bo partido, saíron as cousas como todos desexabamos e agora volvemos a estar outra vez con opcións. Está claro que non dependemos de nós, dependemos de que Guadalajara non puntúe porque Cangas creo que vai facer os 19 puntos, e nós témolo complicado. Temos todas as opcións do mundo, pero creo que a salvación pasa por que Guadalajara non lle gañe este domingo a Zaragoza, e nós gañar a Cuenca. Se iso pasa, virtualmente estaríamos salvados porque Guadalajara xoga a última semana co Barcelona.

-¿Como se convive coa sensación de depender de terceiros?

-Lévase un pouco mal. A viaxe a Aranda foi o venres e estabamos no autobús seguindo o partido do Guadalajara nun ambiente de moito silencio e moito estará espera. Ao final as cosuas sairon como queríamos e como se necesitaba. O problema é que non podes facer nada, estás aí un pouco á espera de que se dea todo o que se ten que dar para depois ti loitar e facer o teu traballo.

-¿Cre que iso pode afectar ao rendemento do equipo?

-Non, o outro día estivemos pendentes porque non xogabamos, pero este domingo en ningún momento imos estar atentos aos demais. As posibilidades pasan por primeiro gañar nós, e despois dependeremos de que o Guadalajara non gañe. No primeiro que imos pensar é en gañar nós, porque se non o facemos, non serve de nada.

-¿Chega forte o Octavio a estes dous partidos nos que se xogará a vida?

-Tiña as miñas dúbidas, supoño que como todo o equipo, de como podíamos chegar, pero ao final o outro día fixemos un partido moi bo. Creo que foi do melloriño da tempada, en defensa, en portería e en ataque dende o primeiro momento. Creo que isto nos dá confianza. Agora xogamos contra rivais que non se xogan nada, e está claro que non se van deixar gañar, pero creo que o que temos que demostrar é esa diferenza de obxectivos. Estes partidos pasan por arrancar dunha maneira moi forte, marcar dende o principio un ritmo moi alto para que neste caso Cuenca saiba que imos dalo todo e que, polo civil ou polo criminal, temos que gañar o partido. Que eles dalgún xeito se relaxen.

-En Aranda volveu o mellor Cacheda.

-Xa me facía falla. Levaba case un mes que si que non, con moitas molestias e sen poder render ao cen por cen. O partido de Cangas rematei mal pola derrota e tamén por non poder axudar a tope ao equipo. Isto fíxoseme case máis duro. O outro día xa rendín ao nivel que se me pide e que se espera de mín. Creo que chegarei a estes dous últimos partidos nas mellores condicións.

-¿Xa tomou unha decisión respecto ao seu futuro?

-Tal e como está a situación, pois está aparcado o tema. Non tomaremos ningunha decisión ata final de tempada. Pode pasar aínda un pouco de todo. Está claro que me gustaría marcharme se melloro deportivamente, como dixen dende o principio, pero hai posibilidades aínda de que as cousas saian ben e poderme quedar aquí no Octavio, que é o club que mo deu todo.

«O meu futuro

está aparcado ata final de tempada. Aínda pode pasar de todo»