«O presuposto marcará facer ou non o campionato nacional»

José Manuel Ferreiro Negreira
José M. Ferreiro CARBALLO / LA VOZ

DEPORTES

O piloto de Dumbría estremou a tempada cun noveno posto en Canarias

08 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Víctor Senra Carreira (Olveira-Dumbría, 1984) afronta a súa décima tempada en ralis de asfalto. O deportista comezou a pilotar un kart con 12 anos e estivo en esa modalidade ata o 2002, ao ano seguinte deu o salto aos ralis de asfalto. O piloto iniciou a competición nacional de asfalto 2013 con un noveno posto en Canarias o fin de semana do 22 e 23 de marzo.

-¿Como está sendo este inicio de temporada?

-Pódese dicir que comezou ben. Fomos novenos e pódese considerar un bo resultado si temos en conta que o noso coche non é dos punteiros.

-¿Unha campaña de moito cambio?

-Dende logo que si. Por primeira vez estou co preparador AR Vidal -será o meu apoio co coche- e tamén estreo copiloto. En Canarias estivo o asturiano Enrique Velasco, que ademais é amigo meu. O coche aínda que é un Mitsubishi, non e o mesmo co do ano pasado. Non ten as mesmas prestacións.

-¿A que se deben os cambios?

-O meu copiloto, David Vázquez, foise con Meira e eu elixín a Enrique, que xa estivera comigo no ano 2005. En Canarias fixemos equipo, e aínda que non está todo cerrado espero que siga comigo o resto da campaña.

-¿Que obxectivos se marca?

-A verdade é que non os teño claros. Aínda non sei si vamos a seguir na competición. O presuposto marcará facer ou non o campionato nacional. Todo dependerá dos patrocinadores.

-¿Que presuposto necesita?

-Non fixemos os cálculos detidamente, pero o presuposto podería roldar moi ben sobre os 100.000 euros para facer as nove probas de que consta o campionato nacional de ralis de este ano.

-¿Que rivais terá na campaña?

-Na categoría de Mitsubishi están Yonatán Pérez e Alberto Meira. Despois están os da parte alta da clasificación cos Porsche, como Sergio Vallejo, Xevi Pons e Miguel Fuster, entre outros.

-¿Como se considera como piloto?

-Eu considérome un piloto tranquilo e despois a experiencia suponme un plus para saber cando debes arriscar ou cando tes que conservar durante a carreira.

-¿Desde que comezou a competir gustáronlle os ralis?

-Si, é o que máis me tira. Comecei como a maioría nos kart e despois pasei ao ralis, aínda que tamén probei nos circuítos. Pero o que realmente me gusta son os ralis.

-¿En que ten que mellorar?

-Tanto Enrique como eu temos que facer moitos quilómetros, e para estar o máximo nivel hai que rodar moito e facer moitos test. Está claro que temos que estar moi preparados. Esperamos estar na seguinte cita, en Cantabria, aínda que non é fixo.

Víctor senra carreira piloto de ralis de asfalto