Un ano máis os seareiros galegos seremos distintos

Santiago Domínguez

DEPORTES

29 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Outro ano máis por estas datas sinto envexa sa dos miles de seareiros vascos ou cataláns e doutras comunidades que van poder presenciar os valores dos xogadores e xogadoras de fútbol da súa terra. Por mor dunha decisión absolutamente arbitraria e fóra de toda realidade, un ano máis a selección galega de fútbol masculino e femenino non vai poder amosar a calidade que atesouran os nosos xogadores e xogadoras, e o que é máis grave, os seareiros galegos e galegas quedaremos sen poder ver xuntos aos nosos/as ídolos futbolísticos.

O Goberno do PP, o señor Feijoo e o señor Lete terán que explicarnos porque nós somos distintos. Terán que explicar que cando asistimos a un momento no que os nosos dous equipos máis representativos, Celta e Deportivo, contan hoxe cun número altísimo de xogadores da canteira, se lles nega a posibilidade de defender as cores branca e azul nun partido que nada ten que ver con reivindicacións políticas e que nunca intentou ser patrimonio de ninguén, só dos galegos e das galegas. Estes líderes políticos énchense de orgullo cando sentan, como así o fixeron no palco de Riazor, a contemplar a última festa do fútbol galego como foi o apaixonante derbi entre Deportivo e o Celta.

Éncheselles a boca cando falan da promoción dos nosos deportistas e da promoción do deporte galego en xeral, pero cando chegan estas datas, degradan aos nosos deportistas a un segundo plano.

Teño aínda na retina aquel 29 de decembro do 2005, cando nun campo como o de San Lázaro, ateigado de seareiros e seareiras, os galegos e galegas vibramos coa nosa selección. Naquel palco, ademais de min como director xeral de Deportes, estaban o presidente e o vicepresidente da Xunta, e deputados e deputadas de todas as cores políticas. Recordo aínda os berros do señor Baltar cando a nosa selección marcaba o primeiro gol. Lembro que aquel día os seareiros do Dépor e do Celta uníanse nun só berro: Galiza. Foi sen dúbida algunha unha verdadeira festa da dignidade do noso deporte e de orgullo dos galegos e galegas por amosar ao mundo o que somos e os nosos valores. Partido que non só foi apoiado polos seareiros e seareiras no campo, senón que foi a retransmisión máis vista ese día a través da televisión galega. Aquel día, a nosa selección non tiña ningunha cor política, aquel día, aquel Goberno non utilizou a selección para nada máis que vivir a festa de todo o fútbol galego e vibrar cando a nosa selección vencía a Uruguai por tres tantos a dous.

Os anos seguintes seguiron disputándose estes partidos, tanto da selección masculina como da femenina, e seguíronse vivindo xornadas festivas tanto en Vigo como na Coruña, e sempre coa mesma ilusión, ver como os nosos equipos podían enfrontarse a outras seleccións internacionais e demostrar o seu nivel.

No ano 2009 chegou o apagón, e un Goberno do PP decidiu que os galegos e

galegas non somos iguais que os vascos, cataláns, andaluces, etcétera. Euskadi-Túnez, Catalunya-Túnez, serán os enfrontamentos, en cambio, Galiza xogará contra a incomprensión e a curta visión política dun Goberno que seguramente apostará polos Angeles Lakers e deixará aos nosos deportistas sen un espazo tan importante de promoción como son estes partidos.

O único que verdadeiramente me consola, deportivamente falando, é saber que

seguirá sempre habendo xogadores como o caso de Míchel Salgado ou Fran, e outros tantos agora en activo que seguirán sempre dispostos a defender a nosa camiseta da selección galega como fixeron moitos xogadores e xogadoras antes, nos anos 2005, 2006, 2007 e 2008.

En fin, agardemos a un cambio de goberno na Xunta para que poidamos volver ser seareiros e seareiras iguais aos demais.

Santiago Domínguez es concelleiro do BNG do Concello de Vigo y exdirextor xeral de Deportes da Xunta de Galicia