Denuncian irregularidades no censo de Automobilismo

La Voz M. G. | SANTIAGO

DEPORTES

A oposición pide que se paralicen as eleccións da federación

23 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A candidatura opositora, a Alternativa Galega do Automobilismo, que pretende disputar a presidencia da federación a Iván Corral, solicitou a paralización do proceso electoral ao entender que se están cometendo graves irregularidades. Así llo fixeron saber á Dirección Xeral para o Deporte (que non vai intervir, porque di que non entra nas súas competencias) e ao Comité Galego de Xustiza Deportiva, que hoxe se reúne. O calendario dos comicios prevé para mañá a votación na que resultarán elixidos os membros da asemblea. Os integrantes desta asemblea reuniranse o 16 de decembro para votar a elección do novo presidente. Onte compareceron en rolda de prensa os opositores Juan Fernández, Germán Castrillón, José Ramón Esturao, Fernando Mouriño e Ricardo Vidal para explicar como afrontan o tramo final dos comicios. Confían en que as autoridades tomen medidas ao longo do xornada de hoxe. E, se non se decidise a suspensión, aínda que fose de modo cautelar, piden á dirección xeral que vixíe para que se poida exercer o dereito ao voto con todas as garantías. De calquera xeito, están dispostos a chegar ata as últimas consecuencias. Alternativa Galega denuncia a exclusión de escuadras afíns que figuraban no censo provisional e non no definitivo. Son estas: A Coruña, Poi, Vidal Racing, Ferrol, A Ruína Racing, Melide Motor Sport, París Dakart, Rías Baixas, Sarria Motor e Touro Competición. ?Todas presentaron reclamación ante a xunta electoral, e só unha obtivo resposta: Rías Baixas, que foi readmitida. Tamén pedía copia do censo de licenzas e das contas, pero non lle facilitaron esa información. Unha información que tampouco puideron conseguir os integrantes de Alternativa Galega. O máis que lograron foi unha copia das contas de 1990 nas que consta un pago de 708.091 euros á secretaria da federación, Gloria de Burgos, que é tamén a esposa do presidente, Iván Corral. Ao abrigo dese documento sosteñen que Corral mentiu nunha rolda de prensa o 11 de outubro pasado ao asegurar que a súa dona só cobra un soldo desde que a sede da federación trasladouse a Ourense. Ademais, denuncian que a federación esixía, para a expedición de licenzas, unha fotocopia do DNI coa firma orixinal do titular, que podería ser usada indebidamente xa que se debía presentar por separado. As escuadras excluídas do censo negáronse a enviar copia do DNI nesas condicións.