Palco marca a ruta exterior da música galega: calidade e nada de citas «cutres»

Javier Becerra
javier becerra SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Jornadas Palco en el Gaiás.
Jornadas Palco en el Gaiás. XOAN A. SOLER

O encontro do sector abordou as estratexias para abrir mercados fóra

05 nov 2026 . Actualizado a las 11:18 h.

Un diálogo continuo sobre os retos, as realidades e os problemas da industria musical en Galicia. Ese era o punto de partida de Palco, o encontro do sector organizado pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta, que onte viviu a súa primeira xornada de obradoiros e conferencias espallados pola Cidade da Cultura. Unha sesión específica sobre como preparar a música para que flúa no mundo do cinema, as series, a televisión e a publicidade, a cargo de Sergio Moure e Uxía Caride, abriu o día. O compositor coruñés especializado en bandas sonoras falou amplamente de dereitos de autor e alertou sobre a IA: «Se legisla siempre por detrás, y, como no se regule, esto será una verdadera debacle».

Na sección Palco Foco lanzábase un reto a primeira hora: como dar o salto internacional desde Galicia. Celia Carrillo, directora de Music by Spain, encargouse de dar unhas cantas notas. «Nada de hacer showcases cutres, tiene que ser algo bueno y sostenible», dixo, poñendo como exemplo o impacto causado por Fillas de Cassandra na súa presentación en Lisboa: «No las conocían más que cuatro personas, pero impactaron tanto que luego ya nadie se podía olvidar de ellas. Y empezaron a tocar en Portugal, un país en el que deberían tocar los músicos gallegos». E ollo co turismo musical: «Si solo vais a tocar para la diáspora, no vayáis. Eso no es tener una carrera, es como hacer un privado».

Mentres todo isto acontecía, en paralelo desenvolvéronse charlas enfocadas á parte máis técnica sobre como contratar artistas e servizos no ámbito administrativo, así como sobre toda a documentación necesaria para ofrecer un directo de xeito profesional. Noutro espazo do complexo arrancaba o chamado Palco Pitch, un punto de encontro onde artistas, promotoras e festivais expuxeron os seus proxectos mediante intervencións breves e directas. Ademais, The Rapants, un dos grupos galegos con máis éxito dos últimos anos, falaron sobre como se construíu a súa traxectoria, na cal a Fundación Paideia deu o pulo inicial. A receita? «Ser serios, respectar os traballadores e confiar no que ti pensas», dixo Samuel González, o guitarrista, e puxo un exemplo: «Dicíannos que había que poñer pantallas no show. Nós reflexionámolo e decidimos que preferimos ir cun pano, que é máis elegante».

O grupo The Rapants na feira.
O grupo The Rapants na feira. XOAN A. SOLER

Os novos formatos e vías de prescrición musical tamén tiveron o seu oco nesta primeira xornada. Rodri Míguez, un dos creadores de contido máis coñecidos en Galicia, falou da necesidade de delimitar ese labor da publicidade. Respecto a esa idea tan manida de que as redes favorezan que opine calquera persoa, fixo unha precisión: «No xornalismo musical sempre houbo moito intrusismo. Nas redes pode falar alguén que sabe moito de música e tamén alguén que empeza con moita paixón». A xornalista Ana G. Liste puxo a barreira definitiva: «Hai que preguntarse quen está comunicando e que está vendendo».

Unha das actividades máis dinámicas foron os chamados speed meetings: encontros fugaces de artistas con profesionais para trenzar alianzas e darse a coñecer. Pero, despois de tanto falar sobre todo o que arrodea a música, tocou escoitala. Xa cara á noite, varios espazos da cidade acolleron pequenos recitais de formacións galegas en formato showcase. Na Capitol, Salón Teatro, Sala Sónar e Riquela estaban previstos os pases de propostas como Lumedoloop, High Paw, Galician Army, Xan Campos, Raze e Lisdexia, entre outros.

A feira continúa hoxe

A segunda xornada de Palco discorrerá co mesmo esquema e intencións semellantes. Entre os encontros destaca o titulado «A industria que queremos», no que intervirá o músico Abraham Boba xunto a Esteban Ruiz e Laura Seoane; así como a mesa «Onde está o negocio máis alá do directo?», con Kin Martínez (Esmerarte), Josiño Carballo (Ernie Records) e a cantante Vega.