A linguaxe das pedras

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Petróglifo en Carballedo, nunha imaxe de arquivo
Petróglifo en Carballedo, nunha imaxe de arquivo ROI FERNANDEZ

Hai xa moitos anos que os meus ollos se detiveron, coa fascinación de quen recoñece un antigo pacto, nas pedras deste vello país. Non son pedras calquera; son os grandes bloques graníticos que esculpen a columna vertebral da nosa terra, estendéndose en formas caprichosas ao longo e ancho dunha Galicia que respira a través da rocha. Sabedor de que o noso territorio se divide entre o granito e a nostalxia do xisto, a miña devoción eríxese nesa materia incombustible. Ela non só simboliza o que somos; é a gardiá que mantén intacto o testemuño do noso pobo dende a noite dos tempos. Cando camiño polas floracións atlánticas e me deixo engaiolar pola beleza do granito rosado, ou cando perdo o alento ante as solemnes formas de Pena Corneira, as entrañas montañosas de Lugo, o Xurés ou o Monte Pindo, experimento unha reverencia que roza o místico.

Nesas paisaxes escarpadas, os nosos devanceiros gravaron os seus soños e devocións en forma de petróglifos. Miles de anos despois, miramos esas espirais como quen contempla unha mensaxe intemporal, un alfabeto secreto que o noso entendemento aínda non descifra con claridade, pero cuxo eco no fondo da alma é quen de nos abraiar. A pedra foi a nosa aliada contra o esquecemento. Serviu para outorgar eternidade aos que marcharon con pedrafitas, dolmens e cromeleques que desafían o raio. Tamén foi guía para os vivos: alí están os cruceiros protexendo camiños, os petos de ánimas na penumbra, os hórreos levantados para gardar o froito do esforzo humano ou os milladoiros que se ergueron polo constante paso dos peregrinos ao longo da historia. E por riba de todo, a rocha é puro misterio. Nas formacións naturais que semellan unha arquitectura titánica atopamos a pegada dunha forza ancestral que nos desborda.

Amo a xeoloxía deste país e a súa complexa alma. Aínda que pertenzo por vivencias ao mundo granítico, o meu corazón tamén latexa na outra beira: admiro e fascínome coa Galicia do xisto e da lousa, esa terra de brétemas da que noutro artigo falarei, movido por lazos sentimentais e unha profunda proximidade familiar que me reclama con forza dende o fondo da memoria.