Ernesto González Seoane, novo académico numerario da RAG: «O futuro da lexicografía será en dixital ou non será»
CULTURA
O mañonés pronunciou en Santiago un discurso sobre o papel dos dicionarios na construción da cultura durante a súa ceremonia de ingreso na institución
03 oct 2026 . Actualizado a las 17:36 h.No Paraninfo da Universidade de Santiago tivo lugar esta mañá a recepción de Ernesto González Seoane (O Barqueiro, Mañón, 1962) como novo membro numerario da Real Academia Galega (RAG). Cerca de trescentas persoas ateigaron as bancadas e cadeiras para asistir á imposición da medalla egrexia ao catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da USC, nun acto público —retransmitido tamén en liña— no que estiveron presentes autoridades políticas e institucionais de diversos ámbitos. Seguindo o protocolo, os dous últimos académicos numerarios ingresados na RAG (Anxo Angueira e Lourenzo Fernández Prieto) acompañaron ao mañonés na súa entrada ao salón centenario da Facultade de Xeografía e Historia, o mesmo que deu cabida entre as súas paredes a discursos de Castelao, de Ramón Otero Pedrayo e doutras moitas figuras da lingua e cultura galega. El, xa empolicado no púlpito, tras un longo aplauso de recibimento, tivo que aclarar a gorxa cun grolo de auga antes de tomar a palabra e admitir que «me sinto moi honrado» e «un pouco abrumado de formar parte dunha institución da que formaron parte figuras como Risco, Castelao, Murguía… ademais de mestres e compañeiros meus de xeración».
González Seoane referiuse, entre os agradecementos especiais e coa pintura mural da Minerva de Fenollera sobre a súa cabeza, ás Festas Minervais e a Alonso de Fonseca. A el, dixo, «débollo todo» como impulsor da USC, onde «recibín unha magnífica formación, atopei mestres excelentes e fixen unha carreira docente na facultade e como investigador no Instituto da Lingua Galega». Houbo mencións especiais para un contemporáneo seu do Barqueiro, o etnólogo Federico Maciñeira, así como a súa familia e «por riba de todo, Flori, coa que comparto vida hai máis de 40 anos», destacou no único quebro de voz que se permitiu o lingüista durante a súa intervención. Nela tamén recordou ao falecido Bernardiño Graña, quen deixou vacante o asento numerario que pasa a ocupar, previo recoñecemento ao chamado «poeta do mar» e membro da Xeración das Festas Minervais —a deusa romana da sabedoría, representada no teito do Paraninfo, debeu quedar contenta entre tanta alusión—.
Quince minutos despois e completado o preludio, González Seoane entrou en materia e pronunciou o seu discurso: Reflexións arredor da prescrición e a descrición no dicionario (académico) ao cal lle deu logo resposta Antón Santamarina en nome da RAG. «Crecín nunha casa con poucos libros», recoñeceu un home ao que as súas achegas ao campo da lingüística lle valeron hoxe o asento numerario. Aínda recorda o lugar de honra que tiña no seu fogar un dicionario enciclopédico de tres volumes que compraron a prazos os seus pais a un vendedor a porta fría, e mesmo o lema co que os convenceu: «Vale a pena ter un Sopena».
Roto o xeo con esta anécdota persoal que provocou as risas entre os asistentes, pasou a analizar a consideración dos dicionarios como portadores da verdade, asumindo «un poder simbólico do que outros textos carecen» e un «carácter case sagrado» en canto que sinalan o que existe e que non con cada unha das súas entradas. «Son, entre todas as obras lingüísticas, as que gozan mellor difusión social e gozan de maior confianza», subliñou, á vez que —engadiu— hai remisións cotiás a eles na prensa, na argumentación política, nos movementos sociais... Reparou no seu poder á hora de incorporar palabras emerxentes, suprimir outras e mesmo crear identidade desde as propias definicións que conteñen, como no caso de acepcións pexorativas sobre unha comunidade ou colectivo que pouco a pouco van desaparecendo (e puxo por exemplos as relacionadas cos galegos, xudeus ou xitanos). «É unha inxenuidade pretender que o dicionario sexa un rexistro neutro. Reflicten unha determinada concepción do mundo, unha ideoloxía predominante na sociedade [...] e, ademais, axudan a construír a realidade: regulando o uso das palabras, promovendo unhas, prohibindo outras e difundindo valores de carácter relixioso, político, cívico ou moral», indicou, ao tempo que incidiu na súa utilización como instrumento para a construción dos Estados.
«A creación na Idade Moderna das academias é unha manifestación máis dun movemento que vai máis alá da simple codificación lingüística», continuou, e forma parte dunha aspiración por «modelar un ideal lingüístico para impoñelo como tal fronte a outras variantes non tan merecestes desa posición». No caso da RAG, engadiu, foi un «fenómeno máis serodio». Constituída no 1906, «nace nun contexto máis febre e precario, sen respaldo económico das institucións do país», pero o dicionario galego é un dos seus obxectivos fundacionais, lembrou González Seoane. O lingüista mañonés repasou a evolución desta empresa académica, incluído aquela ambiciosa publicación en fascículos que durou 15 anos e lanzou 27 cadernos, ata que a obra quedou interrompida na voz cativo. As ambicións por «unificar e expurgar» dentro do galego, o bilingüismo e unha orientación que ben pode pecar de acumulativa para dar cabida a todo tipo de variantes ou ben todo o contrario, marcaron o espírito deste tipo de publicacións.
Para González Seoane o Volga marcou un verdadeiro punto de inflexión como dicionario xeral monolingüe, cunha «repercusión extraordinaria na codificación en galego» desde que saíu unha primeira versión provisional fotocopiada no 1988 e como obra de cabeceira nas Administracións, editoriais, medios de comunicación e outras empresas, mesmo na súa aplicación para correctores e programas informáticos. «Desaparece un importante volume de léxico dialectal e, nos anos 90, comeza unha fase de expansión», incidiu, marcada pola publicación do dicionario da RAG no 97, precedente das posteriores versións en liña ampliadas e periodicamente actualizadas.
Nas últimas décadas, sostén, hai «certo risco de saturación» coa inclusión de léxico terminolóxico, neoloxismos e voces excluídas nos primeiros dicionarios. Unha situación, di o novo membro numerario da RAG, «agravada pola caída das vendas de dicionarios en papel, en pos do formato en liña. O dicionario en papel é hoxe un produto superado», por razóns económicas e técnicas fronte a unha modalidade virtual menos custosa e voluminosa, máis manexable, que implica menos loxística, que ten maior durabilidade e que é compatible coa aplicación da intelixencia artificial. Polo tanto, argumentou, «o futuro da lexicografía será en dixital ou non será», unha labor na que el espera que as Administracións públicas, a RAG e os centros de investigación saiban colaborar e «asuman corresponsablemente o obxectivo».
Para que «unha lingua minorizada como o galego teña unha presenza digna no mundo dixital» considera que é necesario axuntar esforzos e recursos. Neste ámbito virtual, matizou, hai novos riscos como a fiabilidade das fontes e «semella que estamos ás portas dunha nova etapa da lexicografía galega, co seu centro de gravidade na descrición do léxico, sen desbotar a terminoloxía prescritiva». Asumindo a súa parte de responsabilidade como novo académico numerario da RAG, invitou aos seus compañeiros a traballar a prol desta angueira: «Cabe estar á altura do que se espera de nós».
A resposta
Santamarina, ao que previamente eloxiara pola súa envergadura académica e persoal Gómez Seoane, tomou a palabra para responder ao seu discurso. E, despois de repasar a súa traxectoria e contribucións no dominio da lingüística, convidouno a formar parte do Seminario de Lexicografía. Coincidiu co novo membro de número en que elaborar o dicionario da lingua «é unha responsabilidade» á hora de incorporar novo léxico e discriminar as demandas que reciben: «Por razóns de tipo económico e demográfico, a Academia é o único responsable da produción dos dicionarios e temos que coidar escrupulosamente os que produzamos». No caso do galego, «hoxe estamos en condicións de facer un dicionario de uso ou de autoridades semellante aos doutras linguas», xa que se conta con ferramentas como o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG), con 1.735 obras con textos lematizados, ou Corpus de Referencia do Galego Actual (Corga). «Se se chega a rematar, cousa que eu xa non vou ver, o traballo resultante vai presentar bastantes diferenzas respecto aos dicionarios actuais», sinalou Santamarina, quen animou asemade ás institucións a poñer persoal e recursos a disposición dunha tarefa da que espera que forme parte tamén o filólogo entrante.
Logo desta intervención, Henrique Monteagudo, como presidente da RAG, invitou a González Seoane a achegarse ata a tribuna, onde lle impuxo a medalla e entregoulle o diploma que o certifica como novo académico numerario. El aguantou un último aplauso cun xesto emocionado no rostro e tomou asento xunto aos membros da corporación institucional, entre o recoñecemento dos alí presentes. Xa fóra do salón nobre, puidéronlle expresar os seus parabéns durante unha degustación de produtos do mar que chegou coma cortesía por parte da Consellería do Mar.