Nace a Plataforma polas Artes e a Cultura de Galicia como reacción colectiva á polémica do CGAC

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Protesta no CGAC contra a designación da nova dirección do museo, nunha imaxe tomada en xuño pasado.
Protesta no CGAC contra a designación da nova dirección do museo, nunha imaxe tomada en xuño pasado. Sandra Alonso

Alentada pola asociación Vegliota, esta agrupación sectorial e diversa xorde como resposta organizativa, comunal e aberta aos polémicos concurso e designación da nova dirección do museo compostelán ordenados pola Xunta

02 oct 2026 . Actualizado a las 15:15 h.

Nace a Plataforma polas Artes e a Cultura de Galicia. A designación da nova dirección do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) tras a saída de Santiago Olmo segue a xerar unha forte contestación dentro e fóra do país. Creadores, comisarios, críticos, galeristas, coleccionistas, xestores culturais, publicacións especializadas, universidades, as máis diversas asociacións gremiais autonómicas e españolas e ata organismos internacionais no mundo da arte manifestáronse contra a decisión da Xunta de Galicia de funcionarizar o posto e reducir o proceso de sustitución a un concurso de libre designación que derivou no nomeamento da profesora de secundaria e escultora Eva López Tarrío. O cuestionamento da decisión da Consellería de Cultura foi aínda a máis despois de que se soubera que a convocatoria atraera a dous candidatos que superaban en moito o currículo da persoa finalmente elixida. Un dos motores do movemento de protesta foi a asociación Vegliota, radicada en Compostela.

Animada pola reacción xeral e unánime, que agromou desde abaixo, orgánica e naturalmente, a agrupación organizou en Sarria un encontro sectorial a comezos do pasado xullo na sede do NDAC (Núcleo Difusor de Arte Contemporánea, un proxecto alternativo impulsado pola asociación cultural Huhú, que leva tempo traballando con rigor), que confirmou, explican fontes da plataforma, o que «xa era evidente nos últimos meses», que a réplica ao acontecido coa dirección do CGAC «non podía rematar aí, despois de ter xerado unha resposta colectiva tan plural e diversa».

«Unha voz plural, colexiada e articulada»

Alí mesmo, na reunión na localidade luguesa, acordouse constituír a Plataforma polas Artes e a Cultura, que debería ser un lugar «aberto á adhesión de persoas, asociacións, colectivos, compañías, festivais, espazos independentes e entidades vinculadas á cultura galega». Porque, detallan, a iniciativa aflora «da necesidade de construír unha voz plural, colexiada e articulada» cuxa lexitimación estea ergueita sobre a participación e o traballo común do propio sector.

A plataforma lembra que as accións desenvolvidas baixo o lema #SÓSCGAG demostraron que «o tecido cultural galego ten capacidade para organizarse, responder colectivamente e trasladar a gravidade da situación ao debate público». Nese sentido, incide en que o máis relevante do camiño andado non é tanto as argumentacións e o ruído provocados por unha «reacción lexítima» ante un proceso concreto senón o lugar de encontro que esta loita conformou para «un sector demasiado esparexido» e quizais lastrado polos individualismos -propios moitas veces da soidade do traballo artístico- e cunha reducida articulación colectiva para poder responder adecuadamente aos desafíos que se presentan -«ou sen ter onde responder»-.

Para a plataforma, #SÓSCGAG, nesa reunión de voces e activación de complicidades, evidenciou e visibilizou que «existe unha comunidade cultural disposta a defender os seus espazos, os seus dereitos e a súa autonomía».

Recurso administrativo

Nesa liña de pensamento e acción, desde ese novo espazo activo e vixiante creado, lanzaron a acción conxunta de once asociacións profesionais galegas e españolas de presentar ante a Xunta un recurso administrativo contra o procedemento de escolla da nova dirección do CGAC que foi defendido como idóneo e axustado á legalidade primeiro polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e despois polo conselleiro José López Campos e o presidente Alfonso Rueda. A razón que alegan os demandantes é que o proceso é «inxustificado e lesivo» para os intereses colectivos dos profesionais da arte contemporánea de Galicia.

O recurso, que todavía non foi resolto, explican desde a plataforma, mantén aberto o prazo para recorrer ante os tribunais de Xustiza o modo de proceder da Administración autonómica e que, grazas a esta reclamación, «aínda é revogable».

«O síntoma dunha cultura subordinada á oportunidade política, turística ou económica»

A plataforma entende que o proceso que funcionarizou o posto de dirección do CGAC e deu no nomeamento de Eva López Tarrío promovido pola Xunta non é só un episodio illado senón que é «o síntoma dunha cultura subordinada á oportunidade política, turística ou económica», denuncia. É máis, afirma, esta polémica deixou á vista un problema máis fondo, unha lóxica perversa que afecta tamén á música, as artes escénicas, a danza, o audiovisual, a literatura, a mediación, os espazos independentes e as prácticas culturais de base. 

Neste sentido, o colectivo reclama procesos transparentes e políticas culturais que se pensen e se constrúan en conversa co sector «e non de costas a el». A comunidade cultural galega -argúe- non pode seguir sendo convocada a consultas sen consecuencias nin a espazos de diálogo que funcionan como mera escenificación para lexitimar decisións xa tomadas.

É por iso, din, que a plataforma non está só deseñada como unha ferramenta de reacción, denuncia e protesta, «quere ser tamén un espazo construído en positivo: un lugar de encontro, celebración, defensa e proposta, capaz de transformar a preocupación compartida en forza común para a cultura galega», proclaman nun comunicado difundido na tarde deste xoves.

Xa desde o mesmo momento de nacer, anuncian, a plataforma vertebrará vías de adhesión e participación para que persoas, colectivos e entidades poidan sumarse «á construción de voces comúns para a cultura galega».