Logo dun tempo, volvín pescar no mar. Sempre fun bastante afeccionado a este arte. Do meu pai, que era un gran pescador malia ter nacido no interior, herdei a súa práctica. Desta volta fun acompañando aos meus irmáns; eles si se poden considerar auténticos apaixonados da pesca de ribeira con cana en case todas as súas modalidades. Esta vez fomos de noite ao calamar e coincidiu que non collemos nada, o que o meu pai e moitos pescadores denominaban levar un capote. Na miña filosofía da pesca non está tanto o coller pezas como o coñecer recunchos da nosa costa, así como observar e patear as beiras do noso mar.
A verdade é que o mar é relaxante; dá para pensar e pasar bos momentos de tranquilidade e sosego cando non hai ningunha actividade de interacción cos peixes. Como esta xornada foi un deses días, púxenme a pensar en como comecei a pescar de ben cativo. Co meu pai aprendín case todo o que sei: dende amarrar os anzois ata os diferentes xeitos de armar a cana dependendo do tipo de peza que buscáramos. Os meus comezos foron pescando lorchos nas pozas mentres o meu pai pescaba no mar; el aínda non me consideraba preparado e púñame cunha liña nunha poza. Aí pasaba eu as horas observando e pillando algún lorcho, caranguexo ou algunha barbada despistada. Con máis idade e con cana propia, xa me puña ao seu carón, e ía tomando nota e aprendendo de todo o que el facía. Gustaba moito daquelas pescas específicas dende as rochas e con cortizo, como a dos panchos, a das xardas, a dos xurelos ou a dos pións. Tamén as de fondo: ás maragotas, aos pintos, ás xulias, aos sargos ou aos vellos. Eran pescas moi atractivas polo dinámicas e divertidas que resultaban. Máis pousadas eran as de praia, nas que había que ser pacientes, como as das robalizas ou as douradas. O caso é que cada vez vou menos, pero cada vez que vou case sempre teño boas experiencias, colla ou non colla peixe. E nunca fallan as lembranzas daqueles anos nos que ía co meu pai e descubría ese mundo que para moitos é tan apaixonante. Agora xa me considero máis un camiñante que un pescador, pero o que si me segue parecendo fascinante é o marabillosa que é a nosa costa con todos os seus recunchos e lugares incriblemente fermosos.