Corenta obras da arte galega do Museo Reina Sofía exporánse no Gaiás nunha mostra na que dialogan artistas senlleiros con novos creadores
CULTURA
«Ser Noutras» exhibirá dende finais de outubro na Cidade da Cultura unha mostra con pezas de figuras do talle de Maruja Mallo, Arturo Souto, Francisco Leiro ou Berta Cáccamo e unha quincena de traballos inéditos de talentos contemporáneos como Mar Vicente, Lois Patiño ou Julia Huete.
28 sep 2026 . Actualizado a las 12:45 h.Preto de corenta obras de arte galega pertencentes á colección do Museo Reina Sofía exhibiranse dende finais de outubro no Museo Centro Gaiás de Santiago enmarcadas na mostra colectiva Ser Noutras. Unha exposición que combina estas pezas cunha quincena de obras e instalacións feitas de xeito específico para este proxecto por parte dunha escolma de novos talentos do panorama galego.
A mostra artéllase a través de 18 diálogos interxerenacionais co obxectivo de despregar «un relato colectivo, vivo e conectado co propio proceso de creación», sinalan dende a organización da exhibición, que está comisariada por Verónica Santos Farto e Chus Martínez Domínguez, e poderá visitarse no Gaiás desde finais do vindeiro mes ata marzo.
As conversas de Ser Noutras enfrontan aos novos creadores contemporáneos da arte galega con figuras senlleiras que aporta a colección do Museo Reina Sofía. Un patrimonio de valor incalculable que aterra na Cidade da Cultura incluíndo pezas de figuras como Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón ou Virxilio Viéitez. Do mesmo xeito, o centro de arte con sede en Madrid aporta traballos de creadores actuais cunha dilatada e recoñecida traxectoria como Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Carme Nogueira ou Salvador Cidrás.
Por outra banda, as obras de nova creación que se exhibirán de xeito inédito nesta mostra están asinadas por unha nova xeración de artistas que despuntan no panorama galego e internacional como Mar Vicente, Lois Patiño, Mar Ramón Soriano, Jacobo Bugarín, Julia Huete, Kiko Pérez ou Yoseba Muruzúbal. As pezas abranguen a pintura, escultura, instalación, fotografía ou videoarte.
Desde a Consellería de Cultura destacan a aposta pola arte galega cunha exposición que «reforza o papel do Gaiás como plataforma para a investigación e creación artística».