A cineasta galega estreou a longametraxe «Kiro» no Ourense Film Festival
27 sep 2026 . Actualizado a las 17:14 h.A directora María Yáñez elixiu o Ourense Film Festival (OUFF) para a estrea mundial de Kiro, unha longametraxe documental que homenaxea a Ana Kiro, a diva popular dos anos 80 e 90 que percorreu verbenas por toda Galicia e vendeu centos de milleiros de discos. A cineasta e o seu equipo presentaron esta obra no Teatro Principal da capital ourensá, acompañados por veciños de concellos como Maceda, Chandrexa de Queixa e O Pereiro de Aguiar, localidades da provincia onde se desenvolveu parte da rodaxe. A proxección coincide no tempo co aniversario do pasamento da cantante, finada o 24 de setembro do 2010. «Faime moita ilusión que sexa aquí a primeira vez que se pon a película. Decidín facer a miña primeira longametraxe porque quería facer unha película sobre Ana Kiro», dixo. Tras anos dedicada á promoción e ao márketing cinematográfico, a realizadora achegouse a un fenómeno que a fascinaba pola súa biografía, o seu repertorio e o impacto social que representou.
A proposta de Yáñez procura afastarse dos relatos convencionais para poñer o foco na relación da artista co seu público e coa emigración. «O pobo foi sempre o protagonista das súas cancións», destacou a directora. Así mesmo, lembrou que a cantante se dirixía cos seus temas aos emigrantes, aos labregos, á muller traballadora e aos mariñeiros, o que a converteu na intérprete en lingua galega que máis editou e vendeu da historia. A ruptura marcada polo éxodo do campo á cidade e as viaxes cara a destinos como Barcelona, Suíza, Bilbao ou América articulan o trasfondo da cinta. Para explicar a dimensión internacional e a pegada da artista ante quen non a coñece, a autora recorre a un símil moi concreto: «Se quixera explicar a alguén de fóra que non sabe quen é Ana Kiro, diría que é a Taylor Swift da emigración galega, a Madonna das verbenas».
Concibida coma un documental con estrutura e alma de musical, a produción inclúe números artísticos, coreografías e interpretacións. O proxecto propón un exercicio de reescoita da súa música orixinal a través de distintas persoas espalladas polo país e na diáspora, con localizacións específicas en Barcelona. A relación entre a cantante e Ourense foi especialmente estreita, lembrou Yáñez, xa que a provincia acolleu o 35 % dos seus espectáculos ao longo da súa carreira sobre os escenarios.
A fenda xeracional e a evolución da percepción pública ocupan tamén un lugar central na análise. «O lugar desde o que miro a Ana Kiro é o dunha persoa nacida no ano 78», sinalou a cineasta, quen recoñeceu que a súa xeración gardou certa distancia irónica fronte á admiración xenuína dos seus pais. Con todo, a realizadora explicou que a mocidade actual abrazou a figura da cantante sen complexos nin prexuízos, converténdoa nunha icona pop e nunha diva que conecta con diversos colectivos.
O proxecto contou coa colaboración directa da súa familia. Participan o seu viúvo, Carlos Rivero, e a súa filla, Mari Carmen, quen non aparecía en medios desde o falecemento da nai e que se trasladara a vivir a Madrid. Ela cedeu os dereitos musicais e participou xunto cos seus fillos. Yáñez destacou a importancia desta achega, dado que tanto o marido como a filla foron compañeiros de traballo da cantante nos escenarios.
Respecto ás implicacións ideolóxicas e sociolóxicas da artista, que aparecen reflectidas no filme, a directora rexeitou as etiquetas sinxelas. «Ana Kiro era sobre todo, no bo sentido da palabra, unha populista», afirmou Yáñez, destacando como unha figura autodefinida de dereitas cantaba de xeito constante á clase obreira e ás clases populares, canalizando os seus discursos desde unha dimensión emocional.
Tras o seu paso polo certame ourensán, a película chegará ás salas comerciais o 11 de decembro. O equipo concibiu o traballo coa intención de ser proxectado en pantalla grande e como unha experiencia colectiva destinada ao público familiar durante o período de Nadal.