La Voz e Concello de Dumbría convocan de novo os seus certames literarios
20 sep 2026 . Actualizado a las 02:56 h.Sopraban ventos de cambio aló polo 1493, o ano no que as crónicas do peregrino e bispo armenio Mártiros de Arzedján situaron o seu encontro en montes de Dumbría co monstro Vákner, ao que se lle acabou dando aparencia de lobishome. Era o final do Medievo, acababa de descubrirse América, chegaba a Idade Moderna. O Vákner, dende hai anos feito escultura no Marco do Couto, en Dumbría, segue a moverse hoxe entre a realidade e o mito. Darlle dimensión literaria a aquel feito do século XV, á vez que agrandar a literatura arredor do Camiño a Fisterra e Muxía, son os dous fins dos concursos Territorio Vákner, que veñen de ser convocados na súa sexta edición para escolares e na súa quinta para maiores de 16 anos ou adultos. Organizan os certames La Voz de Galicia —dende a súa redacción de Carballo— e Radio Voz, co patrocinio do Concello dumbriés e o apoio dos concellos polos que pasa o trazado de peregrinación.
para escolares
Dúas categorías. Unha, para alumnos do terceiro ciclo de primaria: cursos quinto e sexto. Outra, para estudantes de secundaria. En ambos casos poden participar colexios e institutos de todos os municipios polos que transcorre a ruta ao finisterrae: isto é, Santiago, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. Inclúense tamén Vimianzo e Carnota, por estudar en centros destes territorios alumnos de Dumbría. As creacións han de ser inéditas, escritas en galego, cunha extensión máxima de 1.500 caracteres con espazos. A temática: misterio, medo, Vákner, o Camiño a Fisterra e Muxía. Seleccionará un xurado cinco contos de cada categoría e serán publicados en La Voz. Recibirán todos eles diploma, obsequio os tres primeiros en cada apartado e o centro educativo correspondente do autor ou autora que acade maior puntuación, 750 euros. Por tanto, 1.500 en total. Cada centro ha de enviar os textos identificados a eventos.carballo@lavoz.es ou por correo ordinario á delegación de La Voz en Carballo (rúa Gran Vía, 84, 15100).
PARA ADULTOS
Maiores de 16 anos. Pode concorrerse desde calquera punto de Galicia ou fóra dela. A temática coincide coa da categoría escolar, e tamén han de ser inéditos e en galego, mais neste caso a extensión mínima é 4.000 caracteres e a máxima de 6.000, espazos incluídos. O xurado seleccionará tres, que se publicarán en La Voz, e cuxos autores levarán diploma, peza distintiva e, no caso dos dous primeiros postos, 2.000 e 1.000 euros. O texto, identificado con lema e pseudónimo, ha de facerse chegar acompañado dun sobre pechado cos datos do autor: La Voz de Carballo, rúa Gran Vía, 84, 15100, A Coruña.
Tanto na categoría para escolares como na de maiores de 16 anos, o fin de prazo está fixado para o vindeiro 20 de outubro. Por tanto, queda un mes por diante para escribir a mellor narrativa neste convite do monstro Vákner.