Morre Antón Pulido, pintor referente da cultura galega contemporánea

La Voz VIGO

CULTURA

O primeiro director do CGAC e ex director xeral de Cultura da Xunta tiña 81 anos e foi mestre de centos de alumnos en Vigo

12 sep 2026 . Actualizado a las 01:55 h.

Galicia vén de perder hoxe a Antón Pulido Novoa, pintor, gravador, ilustrador e xestor cultural, falecido aos 81 anos nun hospital de Vigo. Nado en Bóveda de Amoeiro (Ourense) en 1944, foi unha das figuras decisivas da plástica galega desde os anos setenta do pasado século e un dos nomes que contribuíu a construír a arquitectura institucional da cultura contemporánea no país.

Fillo do mestre de parroquia, iniciou a súa formación no seminario de Ourense, que deixou por falta de vocación un ano antes de facerse cura e de marchar a Barcelona, onde estudou Bellas Artes nas especialidades de pintura e gravado. A súa primeira exposición individual celebrouse no Ateneo de Ourense en 1971. Foi o comezo dunha traxectoria marcada pola exploración gráfica, a sensibilidade figurativa e unha mirada profundamente humanista. A finais dos setenta publicou tres carpetas de gravados que hoxe son referencia: O home (1978), O abrazo (1979) e A espera (1981).

Antón Pulido evolucionou desde aquelas obras dos anos setenta nas que retrataba a vida do campo galego ata converterse nun creador de grandes murais abstractos que hoxe forman parte da paisaxe urbana de Vigo. Foi un expresionista, vinculable ás escolas xermanas de posguerra. Sobre un debuxo esquemático, a súa pincelada ancha e firme construía o cadro, en cores de gran contraste.

Nos anos oitenta combinou exposicións individuais e colectivas coa docencia como profesor de debuxo en secundaria, etapa na que se instalou en Vigo, cidade coa que mantivo unha relación estreita e que o recoñeceu como Vigués Distinguido no 2006. A súa actividade como ilustrador foi especialmente intensa, con numerosas portadas para a editorial Ir Indo (Bieito Ledo estivo ao seu carón como amigo case 70 anos), que marcaron a estética de moitas obras literarias galegas da época.

Pulido desempeñou tamén un papel clave na xestión cultural. Deixa un currículo extenso. Foi director xeral de Cultura da Xunta de Galicia e, posteriormente, converteuse no primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) entre 1993 e 1994, etapa fundacional na que sentou as bases dun proxecto que hoxe é referencia internacional. A crítica de arte Gloria Moure sucedeuno no cargo.

A súa traxectoria ten sido recoñecida con numerosos galardóns: Premio da Crítica de Galicia en Artes Plásticas e Visuais (2014), Premio Trasalba (2015) e o título de Fillo Predilecto de Amoeiro (2008). A súa obra forma parte de coleccións públicas e privadas, entre elas a Colección Afundación, e está presente en bibliografía especializada e en estudos sobre a plástica galega contemporánea.

Antón Pulido deixa un legado artístico marcado pola procura da figura humana, pola emoción contida e pola fidelidade a unha identidade cultural que sempre reivindicou. Galicia despide un creador esencial, un mestre do gravado e un xestor que contribuíu a abrir camiños para o arte contemporáneo no país. Hoxe estará de corpo presente na sala 8 do velorio Vigomemorial. Este sábado se celebrará a súa despedida ás 18.00 horas.