Relativizar

Bieito Romero
Bieito Romero CULTURA

CULTURA

Bieito Romero, nun concerto de Luar na Lubre na Coruña no 2025.
Bieito Romero, nun concerto de Luar na Lubre na Coruña no 2025. Eduardo Pérez

Por unha estraña lesión debida ao hiperestiramento dun tendón, a miña man esquerda quedou, por definilo dalgún xeito, descompensada. Na miña cotidianeidade isto non me supón ningún problema; nunca tiven nin a máis mínima dor ou molestia. Con todo, si foi algo moi traumático á hora de tocar os meus instrumentos, xa que esa descompensación no movemento limitoume para facer cousas que antes facía e que agora tiveron que mudar. Fixen as probas médicas para descartar ou confirmar diagnósticos, incluso probei tratamentos de fisioterapia, acupuntura e outras alternativas. Nun momento do proceso, chegaron a operarme para extraer unha pequena calcificación que se pensaba que podía ser a orixe, pero non foi a solución. Nada do aplicado serviu e, polo feito de non poder tocar do mesmo xeito que o facía antes, ata me propuxen abandonar o mundo da música e dedicarme a outras cousas. Reflexionei moito e compartín o asunto coa xente máis achegada.

Todos coincidían en dicirme que relativizase a cuestión e que seguise adiante. A pesar do que significaba, decidín facelo, aínda que foi case como un comezar de novo. Co paso dos anos, creo que souben sobrepoñerme: cos meus truquiños e moita paciencia, logrei unha continuidade diferente que apenas moi poucos percibiron. Ese problema nun dedo que descompensou os meus movementos foi algo traumático para min, pero, buscando sobre o tema, cheguei a coñecer algúns casos de xente que, sen brazos, é capaz de facer unha vida aparentemente normal, conducir un coche ou mesmo tocar a guitarra cos pés.

Neste contexto fixeime en casos como os de Mark Johnson, Mark Goffeney, Tony Meléndez ou o do propio Manuel López, coñecido como o pianista da man esquerda —un home ao que, por diferentes adversidades e tras ser o graduado máis novo do Conservatorio de Música de Madrid, lle quedou paralizado o brazo dereito e que, na actualidade, dá concertos de maneira brillante con só unha man—. Esas si que son probas de superación que relativizaron moito o meu pequeno problema. Eles foron e seguen a ser valiosos exemplos de superación na vida, cada un coa súa motivación persoal, como a de moitas e moitos outros que coñezo de moi preto.