O plenario da RAG que elixe a figura a homenaxear nas Letras 2027 debate as candidaturas de Xosé Neira Vilas e de Constantino García
CULTURA
Todo indica que a proposta do creador do «símbolo colectivo» de Balbino se imporá á do «grande arquitecto da lingüística galega»
08 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Ao plenario da RAG deste mércores —que se celebra na Coruña no salón vermello do pazo municipal de María Pita, a partir das 11 horas— chegan dúas propostas de figuras a homenaxear no Día das Letras Galegas do 2027 co preceptivo aval de tres académicos: a de Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) e a de Constantino García González (Oviedo, 1927-Compostela, 2008). Outras como as de Antón Tovar (A Limia), o cura de Fruíme (Lousame) e Xaime Quintanilla (Ferrolterra) quedaron polo camiño. Porén, todo apunta a que a candidatura de Xosé Neira Vilas sairá triunfante —como adiantaba onte La Voz— dun debate no que se falará tamén da de Constantino García, unha proposta que vén avalada polo académico Manuel González e que abrollou impulsada polo centenario do nacemento do filólogo asturiano, que se cumprirá, precisamente, o 27 de xullo do 2027.
A candidatura de Constantino García lembra como a súa chegada a Santiago supuxo «a inauguración dunha etapa ilusionante e fértil na investigación científica sobre o galego e na súa proxección fóra das nosas fronteiras». Foi, incide, «o grande arquitecto da lingüística galega». E fai un repaso do seu papel na creación de entidades como o ILG (Instituto da Lingua Galega), o Centro Ramón Piñeiro e os seminarios de lexicografía e sociolingüística da RAG. García foi tamén o grande impulsor do acordo entre o ILG e a RAG que deu lugar ás normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego.
Pero semella imparable a forza popular que leva tras de si a candidatura de Neira Vilas, cuxa argumentación se detén en Memorias dun neno labrego e define o seu protagonista, Balbino, como «un símbolo colectivo» que «representa milleiros de nenos e nenas galegos que medraron nun mundo duro, marcado polo silencio, polo traballo e pola emigración» e que coa súa autenticidade e emoción «traspasa xeracións». O texto advirte que o de Gres é moito máis có autor da que é unha das obras máis famosas da literatura galega; percorre as súas múltiples facetas; e subliña asemade a riqueza léxica do galego popular que empregaba.