La Voz de Galicia convoca a 27.ª edición do seu concurso Relatos dos Lectores
CULTURA
Os mellores textos serán seleccionados por un xurado para seren publicados o mes de agosto nas páxinas literarias do xornal. Consulta as bases completas
15 jul 2026 . Actualizado a las 19:27 h.É un dos proxectos culturais máis populares do país. E, non só por esta razón, La Voz de Galicia volve apostar por unha iniciativa que leva á cidadanía o gusto pola creación literaria, por escribir. Deste xeito, un ano máis, convoca o concurso Relatos dos Lectores —e con esta xa van 27 edicións—, un certame que dá cabida e pulo ás inquedanzas artísticas dos seus lectores. Durante o vindeiro mes de agosto, o xornal publicará unha selección dos textos enviados polos participantes, afeccionados a narrar que ademais optarán a gañar un premio, do que se teñen establecido dous apartados diferenciados: unha para menores ata 15 anos e outra para os que superen esa idade, é dicir, de dezaseis en diante. Serán tamén os lectores co seu voto os que decidan democraticamente os textos gañadores do certame. Para a categoría dos mozos o galardón será un libro electrónico, mentres que para os que teñan 16 anos ou máis a recompensa será un bono para unha estancia dunha noite para dúas persoas nun dos establecementos OCA Hotels de Galicia ou Asturias, en habitación dobre, en réxime de aloxamento e almorzo.
Na 27.ª edición dos Relatos dos Lectores a mecánica do certame mantense nos termos de anos anteriores. Poderán participar todas as persoas que o desexen, con relatos escritos en galego ou en castelán, sempre que estes sexan inéditos. Terán de respectar ademais unhas condicións técnicas: non deberán exceder as 25 liñas mecanografadas de corpo 11, o que equivale a uns 2.100 caracteres con espazos incluídos. Os orixinais haberán de enviarse acompañados cos datos do autor —idade, nome, DNI, enderezo, teléfono, profesión e, a ser posible, unha breve nota biográfica e unha foto de tamaño carné— e co texto en soporte informático. Os de autores menores de 14 anos deberán ser remitidos polos seus pais ou titores legais, debidamente autorizados e cos seus propios datos.
As obras deben enviarse á dirección de correo postal «27.ª edición dos Relatos dos Lectores de La Voz de Galicia (Premio dos Lectores). Avenida da Prensa, parcelas 84-85. Polígono industrial de Sabón. 15143 Arteixo. A Coruña», ou ao correo electrónico relatos@lavoz.es. O prazo de presentación de orixinais queda hoxe aberto e seguirá hábil ata o vindeiro 31 de xullo.
Votación por cupóns
Un xurado seleccionará de entre todos os recibidos os relatos que se publicarán durante o mes de agosto nas páxinas literarias de La Voz e mais na súa edición dixital. Pero serán despois os lectores co seu voto quen determinen os gañadores de cada categoría.
Para proceder á votación, o xornal La Voz de Galicia publicará nas súas páxinas os cupóns cos que os lectores poden elixir as súas pezas favoritas —e que deben remitir por correo postal ao periódico—. Só se admitirán os votos recibidos en cupóns orixinais. Non se admitirán fotocopias, como tampouco computará o sistema de valoración mediante estrelas na edición dixital. Todos os remitentes dos cupóns que participen na votación entrarán despois nun sorteo dunha selección de libros da editorial Biblos Clube de Lectores.
Os autores gañadores do concurso daranse a coñecer nas páxinas de La Voz durante o último trimestre do ano.
As bases completas están a disposición dos lectores que as queira consultar na edición dixital de La Voz de Galicia, no enderezo www.lavozdegalicia.es/cultura.