Razón, investigación e creatividade, os alicerces da nova etapa do Consello da Cultura Galega

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Dolores Vilavedra (de vermello) dálle unha aperta a Rosario Álvarez en presenza de Alfonso Rueda
Dolores Vilavedra (de vermello) dálle unha aperta a Rosario Álvarez en presenza de Alfonso Rueda XOAN A. SOLER

Dolores Vilavedra toma posesión como presidenta anunciando que reforzará o papel da institución como «ente activo de produción de coñecemento»

03 jul 2026 . Actualizado a las 17:08 h.

Era un acto inzado de palabras, pero o mellor resumo foi un silencio: o da aperta entre Rosario Álvarez e Dolores Vilavedra. Presente, pasado e futuro do Consello da Cultura Galega ligados nuns segundos emocionantes entre o balance de oito anos da presidenta saínte e a singradura de catro que comeza Dolores Vilavedra, pero alicerzados nun caderno de bitácora de 25 anos, os que leva a nova presidenta vencellada dalgún xeito ao Consello. «Combateremos a desinformación, a banalidade e o arribismo coas ferramentas da razón, a investigación e a creatividade», anunciaba Vilavedra durante o seu discurso de toma de posesión ante a representación das institucións e da sociedade galega. A súa presidencia chega en tempos estraños, de circunstancias, cando menos, singulares, «non só pola continxencia histórica que vivimos», senón polo feito de que o Consello encara os 50 anos de existencia, «un deses momentos obrigados para facer balance e definir as pautas de acción institucional, de tal xeito que esta siga a resultar útil á sociedade galega alén das circunstancias que a reviravoltas da historia lle obriguen a xestionar no futuro»

Pero o futuro sempre comeza hoxe. Por iso, Dolores Vilavedra foi debullando as liñas mestras que reforzarán o papel do Consello como «ente activo de produción do coñecemento»: reforzar a rede de potencias cómplices achegándose aínda máis ao tecido asociativo, consolidar o Observatorio da Cultura Galega, impulsar os dereitos culturais e traballar na desaparición de desigualdades no acceso á cultura, adaptar a comunicación aos novos xeitos e así chegar a novos públicos e públicos novos. En definitiva, seguir sendo útil á sociedade galega.

A nova presidenta anunciou durante o seu discurso a elaboración, por parte do Observatorio da Cultura, dun informe sobre a lectura en Galicia, «que achegará información valiosísima» tanto para o ámbito educativo como para toda a cadea de produción editorial e para as industrias culturais. Ademais, deseñarase un plan cuadrienal de dixitalización progresiva de fondos dos distintos arquivos como dos legados que o Consello está a recibir.

«Entendemos a xestión cultural como salvagarda da nosa identidade», dicía o presidente da Xunta —e presidente de honra do Consello— durante a súa intervención, na que augurou que o 2026 poderá ser o ano do pacto pola lingua «e niso o Consello agardo que teña tamén un papel fundamental». Rosario Álvarez, co deber cumprido, finalizaba: «Apoien a cultura galega, a mellor faciana do país, espléndida a pesar da precariedade».

A nova presidenta anunciou durante o seu discurso a elaboración, por parte do Observatorio da Cultura, dun informe sobre a lectura en Galicia, «que achegará información valiosísima» tanto para o ámbito educativo como para toda a cadea de produción editorial e para as industrias culturais. Ademais, deseñarase un plan cuadrienal de dixitalización progresiva de fondos dos distintos arquivos como dos legados que o Consello está a recibir.