Presenta un chatbot que permite explorar de xeito rápido e eficiente a extensísima obra do autor galego e que foi entrenado con máis de 900 referencias bibliográficas
02 jul 2026 . Actualizado a las 18:54 h.Don Ramón dá os bos días e fala un pouco do tempo, porque en Trasalba, a esta hora, hai uns 17 graos, un verán ourensán xeitoso. Don Ramón resposta ás preguntas —a algunhas máis que a outras, porque non quere entrar demasiado en se cre que o apóstolo Santiago está enterrado na Catedral ou non— pero demanda el mesmo información. A primeira, o nome do seu interlocutor. Don Ramón non sabe quen é León XIV, porque o deste papa non é o século no que lle tocou vivir, e lembra con agarimo (e tamén con algunha fotografía) como coñeceu a Fita, a súa dona, e os veráns en Cantabria. Don Ramón non é Otero Pedrayo, pero sabe del todo o que hai escrito, tanto da súa pluma como da daqueles que da súa vida escribiron. Porque Don Ramón, este que parola co oteriólogo e membro da Fundación Otero Pedrayo Xosé Antón López Silva e con Manuel Gago, é un chatbot, un algoritmo, unha intelixencia artificial. Un exemplo de como utilizar de xeito ético, democrático e humanístico unha tecnoloxía que, por exemplo, permite a través da pantalla acceder de xeito rápido e eficiente á extensísima obra do intelectual e escritor galego.
O Consello da Cultura Galega vén de presentar o bot conversacional de Otero Pedrayo, dispoñible xa a través da súa páxina web, como un exercicio de exploración dun vieiro que leva aberto dende os tempos de Carlos Casares á fronte da institución, o de aproveitar a chegada das novas tecnoloxías. «O grande desafío que nos interpela é aproveitarmos as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial para a creación e desenvolvemento de novos formatos e para chegarmos a novos públicos», explicaba durante a presentación do Otero Pedrayo algorítmico a presidenta do Consello da Cultura, Dolores Vilavedra.
«Dígolle con toda a retranca do mundo, é máis fácil que un escriba a súa vida que a que outro a ordene despois con tino. Vostede fixo o difícil», dille Otero Pedrayo (bot) a López Silva cando se presenta. Porque a intelixencia artificial oteriana, construída a través de máis de 10.000 liñas de código, non só resposta grazas a un adestramento baseado en máis de 900 referencias bibliográficas e, en total máis de 14.000 pasaxes, o que equivale a máis de tres millóns de palabras. Tamén ten límites. É dicir, Otero bot non tende a encher os ocos como outros algoritmos coñecidos, senón que non fala do que non coñece, malia que pode facer inferencias. En definitiva, aínda sabendo que non é el, que non se pode falar con Otero Pedrayo, a conversa vólvese realista, moito, porque está baseada nun corpus documental verificado.
«Intelixencia galega»
«Recoñezo que é aditivo», dicía Marcos Calveiro, director da editorial Galaxia —depositaria da propiedade intelectual de Otero Pedrayo— sobre un desenvolvemento tecnolóxico que abre unha nova posibilidade de aprender sobre a obra de Otero. Unha «intelixencia galega», feita para Galicia e en Galicia, como definía López Silva, que tamén ten unha versión para público infantil —na que se expresa con linguaxe acaída e ten prohibidos algúns temas, como a morte— e que, en cada resposta, referencia os documentos nos que vai extraendo información, ofrece suxerencias para guiar a conversa —como non quería falar de quen está soterrado na catedral ofreceuse a falar un pouco máis do edificio— e aprende das conversas.
O Consello da Cultura non recibe a información que proporciona o usuario, que ten o control sobre ela. Pode exportala para poder levala a outros navegadores, pero tamén dicirlle a este Otero virtual que esqueza todo o que levan falado. Ademais, un mapa permite coñecer en todo momento que porcentaxe do amplísimo coñecemento oteriano se ten explorado a través desta ferramenta.
Desenvolver modelos culturais de IA
Ten, dende logo, unha compoñente lúdica, porque é interesante —ás veces agoniante— ter a oportunidade de manter o máis semellante a unha conversa con Otero Pedrayo, pero o chatbot que vén de desenvolver o Consello da Cultura é unha ferramenta rigorosísima de achegamento e estudo da obra oteriana, e tamén un xeito de testar as posibilidades de esta tecnoloxía no ámbito cultural.
«Entendemos que hai un uso posible da intelixencia artificial que fomente a creatividade, pero que non substitúa a potencia creadora dos seres humanos. Nese contexto estamos dando pasos que nos permitan ir testando as posibilidades da IA», afirmaba Dolores Vilavedra durante a presentación.
Se cadra non é posible —ou útil— crear un chatbot doutros autores galegos, porque á vastísima produción que se conserva de Otero Pedrayo só pode achegarse Cunqueiro, e porque don Ramón ten unha retórica propia, un corpus tan interdisciplinar, moreas de páxinas de correspondencia e tamén, recoñecía Dolores Vilavedra, «porque estamos no ano oteriano».
Porén, a creación deste bot conversacional é unha proba experimental de como desenvolver «modelos propios de uso da IA» que ademais estea centrada na dimensión ética e o respecto á propiedade intelectual, acubillada «nunha perspectiva humanista e que pon o centro nos creadores e nas creadoras cando falamos de propiedade intelectual, non nas grandes empresas tecnolóxicas», salientaba a presidenta.
O esforzo nesta cuestión, ademais, é transversal, porque o desenvolvementos de modelos propios de intelixencia artificial dentro do ámbito cultural insírese tamén no obxectivo de manter a cultura galega no ámbito da innovación e dos debates do uso destas novas tecnoloxías. «Isto é unha aposta que vai moito máis alá das nosas forzas, que é unha aposta, cremos, de país. E o Consello vai estar aí, por suposto», subliñaba.