A RAG reivindica a tradición céltica como fonte de creatividade no Festival de Ortigueira

LA VOZ REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Ramón Villares (esquerda) e Jean-François Botrel
Ramón Villares (esquerda) e Jean-François Botrel MONCHO FUENTES

«O Festival de Ortigueira contribúe a construír unha Europa que teña en conta a periferia atlántica», sinalou Jean-François Botrel, catedrático emérito da Université de Rennes 2

03 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega (RAG) celebrou este xoves a segunda edición das xornadas A invención da Tradición, dedicada nesta ocasión ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. O acto tivo lugar no Teatro da Beneficencia de Ortigueira, onde o público puido escoitar a visión de quen protagonizou a posta en marcha do Festival de Ortigueira a finais dos anos 80, así coma a ollada da investigación histórica. Ambas partes confluíron na riqueza que implica a conexión entre os pobos da periferia atlántica e as iniciativas que manteñen este vínculo vivo. «A tradición céltica foi unha fonte de creatividade para a nosa cultura e o Festival de Ortigueira é boa mostra disto», salientou o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, quen abriu as xornadas xunto ao alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín; e o director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares.

«O sentimento de irmandade que promoven iniciativas como o Festival de Ortigueira contribúe a construír, a cultivar unha Europa un chisco distinta, que teña en conta a periferia», valorou Jean-François Botrel. O catedrático emérito da Université Rennes 2 impartiu a conferencia inaugural, que versou sobre o proceso de invención doutra tradición do identificado como mundo celta, a Fête des Fleurs d'Ajonc, a festa bretoa da chorima de Pont-Aven, creada en 1905.

O encontro, iniciado pola Sección de Historia da Real Academia Galega, contou coa colaboración da Deputación de Coruña e o apoio do Concello de Ortigueira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e mais a Escola de Gaitas de Ortigueira, responsable da posta en marcha do festival no 1978.

O presidente da RAG, coma Botrel e os demais especialistas que interviron na xornada, lembrou a mestura de realidade e mito que rodea o celtismo galego e salientou os seus froitos no campo da cultura, como o Festival de Ortigueira. «O Festival de Ortigueira posúe unha capacidade de dinamización cultural e conquista de públicos moi importante como forma de crear lazos con outras culturas e proxectar a música galega cara ao exterior», valorou Henrique Monteagudo.

Porque a idea de celtismo como fundador da identidade galega, difundida por Manuel Murgía, «callou moi fondo na nosa sociedade, é un dos mitos máis clásicos e importantes de Galicia», di o historiador Ramón Villares. Outra cousa é o que di a historia. «Quizais o celtismo foi excesivamente difundido como identidade única de Galicia, sen ter en conta as distintas poboacións que chegaron aquí», apunta.

«O Festival de Ortigueira é un exemplo de como unha iniciativa cultural pode chegar a converterse nunha tradición compartida de interese internacional e sobre todo no principal sinal de identidade dun pobo», expresou o alcalde de Ortigueira sobre o único encontro destas características recoñecido coa máxima distinción do Ministerio de Industria e Turismo. Valentín Calvín puxo en valor a capacidade do festival para proxectar a cultura galega ao mundo e reivindicou o papel da cidadanía e das persoas que contribuíron á creación e crecemento do festival, algúns deles presentes nestas xornadas. 

A mesa redonda O celtismo, a creación do festival de Ortigueira e a música celta contou coa mirada de Xabier Garrote, primeiro director da Escola de Gaitas de Ortigueira e promotor do festival; Manuel Santos, investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC; e Luz Polo, integrante da Escola de Gaitas desde os seus comezos. Tras un breve coloquio aberto ao público, o cuarteto da Escola de Gaitas municipal púxolle o ramo a este encontro promovido pola sección de Historia da Real Academia Galega coa colaboración da Deputación da Coruña e o apoio do Concello de Ortigueira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e mais a Escola de Gaitas de Ortigueira, responsable da posta en marcha do festival no 1978.