Houbo un tempo no que sentín unha curiosidade notable por todo o relacionado co tema ovni e a posible vida extra- ou intraterrestre. Daquela, as noticias sobre artefactos voadores non identificados eran recorrentes nos xornais de todo o mundo. Dende o mítico caso Roswell, no deserto de Novo México, a febre mediática do fenómeno converteuse en algo extraordinario que atrapou a imaxinación colectiva. Ben é certo que os rexistros de luces e obxectos estraños nos ceos esténdense ao longo da historia da humanidade, dende crónicas antigas ata avistamentos militares modernos, e a súa explicación segue a ser un crebacabezas. Co paso dos anos fun deixando atrás este interese tan intenso sen perder de vista as novidades máis destacadas. Hoxe, vivimos nun momento peculiar no que algúns países optan por desclasificar expedientes ata hai pouco secretos en poder das Forzas Armadas e os Gobernos. Todo o que vai saíndo á luz achega pouca novidade respecto ao que xa se sospeitaba ou sabía. O que si cambiou foi a linguaxe: a aqueles ovnis chámaselles agora UAP [fenómenos anómalos non identificados], un termo máis técnico para definir esas observacións que non son identificables como aeronaves humanas nin como fenómenos naturais coñecidos. Tirando do fío destas investigacións, acabei descubrindo a teoría da panspermia. Esta hipótese, que vén de moi atrás, expón que a vida non tivo por que orixinarse na Terra, senón que determinados corpos interestelares, como os cometas ou os meteoritos, poderían conter bacterias ou formas de vida primitivas que chegaron ao noso planeta tras impactar nel. É nesta fascinante teoría onde os polbos cobran un protagonismo inesperado. Algúns científicos suxeriron que estes cefalópodos, cunha intelixencia asombrosa que desafía o desenvolvemento evolutivo común, teñen un ADN tan complexo que ben podería ser que chegasen aquí en forma de ovos crioxenizados nun meteorito. É unha teoría sen máis, pero, se os polbos arribaron dende calquera punto extraterrestre ao noso planeta, e nós, os galegos, somos un dos principais países comedores de polbo no mundo, quizais isto sexa o xeito de explicar moitas cousas sobre o noso propio carácter e a nosa conexión co universo. Aí o deixo!