Premio «Na Lingua Que Eu Falo» para o IES Dieste da Coruña

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O alumnado do IES coruñés Rafael Dieste recibiu o recoñecemento da RAG.
O alumnado do IES coruñés Rafael Dieste recibiu o recoñecemento da RAG. Marcos Míguez

A Real Academia Galega valorou a súa aposta polo galego como unha ferramenta de integración e intercambio cultural nun instituto urbano onde sete de cada dez alumnos son de orixe migrante

30 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega (RAG) concedeulle a segunda edición do premio Na Lingua Que Eu Falo ao proxecto do IES Rafael Dieste da Coruña «Aquí Tamén Se Fala». Recoñece así unha iniciativa nada no ano 2023 nos corredores deste centro de ensino que se converteu nun dos movementos de dinamización lingüística máis relevantes das últimas décadas, cunha capacidade transformadora que está a chegar alén das aulas. «Valoramos especialmente a súa aposta polo galego como unha ferramenta de integración e intercambio cultural nun instituto urbano onde sete de cada dez alumnos son de orixe migrante; o papel activo outorgado á mocidade nas súas accións; e mais a súa capacidade de xerar un entusiasmo colectivo a prol do idioma a través de propostas que o vinculan a territorios que conectan cos intereses da mocidade, coma os do deporte, a música ou o audiovisual», enxalza o presidente da RAG, Henrique Monteagudo. O sociolingüista lembra ideas que levaron adiante, como facer que figuras populares que atravesan fronteiras falasen en galego nas redes sociais —con fichaxes como Viggo Mortensen e James Rhodes—, o Festival ATSF (Aquí Tamén Se Fala), e as entrevistas audiovisuais que o alumnado do Dieste realiza a referentes da escena musical propia como Fillas de Cassandra, The Rapants e Xabier Díaz.

O nome oficial do Deportivo

Monteagudo eloxia, ademais, a súa campaña «O Dépor é da Coruña», que, di, deu un pulo decisivo que «alimentou a marea da afección que logrou que o club branquiazul recuperase na súa denominación o topónimo orixinal. A pegada desta iniciativa, na cidade que é o fogar que acubilla a sede da RAG desde ese mesmo ano 1906 en que naceu o club, transcende o mero respecto á toponimia e o mundo do deporte. Ten un capital simbólico enorme que reforza o galego como parte da identidade coruñesa, que a anima dalgún xeito a retomar o facho que prenderon aquí as Irmandades da Fala hai agora 110 anos», conclúe.