«A derradeira leición do mestre», de Castelao, outra vez en Galicia por tres meses

Eva Mejuto / Ch. C. PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Autoridades, fronte ao lenzo de Castelao «A derradeira leición do mestre».
Autoridades, fronte ao lenzo de Castelao «A derradeira leición do mestre». Sergio Sueiro

O Museo de Pontevedra inaugurou unha mostra que expón e contextualiza o icónico óleo en que o artista rianxeiro honra ao seu amigo Alexandre Bóveda, asasinado polos sublevados en agosto do 36

26 jun 2026 . Actualizado a las 09:24 h.

«Hoxe abre unha exposición e tamén finaliza unha particular viaxe. Todos os esforzos de tres anos desta Deputación e a enorme xenerosidade do Centro Galicia de Buenos Aires desembocan nesta xornada en que a cidade que Castelao apreciou, o museo que fundou e o edificio que bautizou reciben a súa obra mestra», dixo este xoves o presidente da Deputación, Luis López (PP), para dar por inaugurada a exposición «A derradeira leición do mestre» nun acto celebrado no edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

A mostra ao redor do icónico óleo de Castelao que homenaxea ao seu amigo Alexandre Bóveda, fusilado polos fascistas —tras o alzamento militar— o 17 de agosto de 1936, poderá verse no museo de xeito gratuíto. A exhibición do cadro faise nunha sala na que dialoga cunha selección de pezas do legado de Castelao —o museo custodia a máis ampla colección do intelectual nacido en Rianxo— que contextualiza o lenzo. A exposición é o núcleo dunha completa axenda cultural que comezou hai unha semana coa recepción do cadro chegado da Arxentina e que rematará o próximo 27 de setembro, co peche da mostra e a viaxe de volta da pintura. Entre os actos organizados, o xa celebrado seminario «Arte, exilio e memoria: Castelao, A derradeira leición do mestre e a emigración galega en América», que terá continuidade mañá cun concerto da Coral Polifónica de Pontevedra, e o domingo, un acto institucional de conmemoración do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936. Xa en agosto, o 17, rememorarase a figura de Alexandre Bóveda polo 90.º aniversario dun asasinato que fundamenta, ademais, a súa declaración como Día da Galicia Mártir. Ademais, ao longo destas semanas, haberá visitas guiadas, obradoiros infantís de verán e actividades complementarias da man das fundacións Bóveda e Castelao.

«Rotunda e conmovedora»

«Pronunciar un discurso a escasos metros da Derradeira leición do mestre roza case a contradición. É tan rotunda e conmovedora a súa mensaxe que ningunha palabra lle fai xustiza», sinalou Luis López. No encontro estiveron tamén presentes o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, José López; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; o presidente da Real Academia, Henrique Monteagudo; a presidenta do Consello da Cultura, Dolores Vilavedra; e o presidente do Centro Galicia de Buenos Aires, José María Vila Alén.

«O cadro constitúe unha peza central do noso mellor patrimonio: é, por tanto, propiedade de todos os galegos sen excepción de ningún tipo. Ou da cultura galega, que sempre está inacabada, e na que sempre hai espazo. A mesma sa ambición coa que logramos esta exposición histórica explica tamén o impulso que nos levará a integrar Santa Clara no museo, a compra do arquivo de Valle-Inclán ou a que nos levou a recuperar a bienal», subliñou López en relación coas iniciativas tomadas arredor do museo. A pintura xa estivera en Galicia no 2018, nunha mostra no Gaiás.

A filla de Bóveda non asiste á apertura, en protesta pola política do PP sobre memoria histórica

«Non podo acompañar a quen, cos seus votos, actos e pactos diarios, nega a realidade histórica e institucional do que ese cadro representa». Así o anunciou o pasado mércores Amalia Bóveda, a filla do homenaxeado no cadro A derradeira leición do mestre, que Castelao pintou despois de que o seu amigo fose asasinado. Previamente, o grupo do BNG na Deputación de Pontevedra, da que depende o museo, tamén amosou a súa desconfianza arredor da operación de traer o lenzo desde Arxentina. Os nacionalistas acusaron ao PP, que goberna a entidade provincial, de querer branquear coa exposición a súa política sobre memoria histórica. Rafa Domínguez (PP), vicepresidente da Deputación, considerou a actitude de Amalia Bóveda «unha falta de cortesía», e dixo que está «mal aconsellada».

Quen si acudiu á inauguración foi o rexedor municipal de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén do BNG. Eva Villaverde, tenente de alcalde, xustificou tal presenza. «Como non vai ir o alcalde de Pontevedra a unha exposición sobre este cadro, cando foi o alcalde o que nomeou, xa no ano 1999, encabezando este goberno, a Alexandre Bóveda como fillo predilecto?».

O colectivo Mocidade Galega pola Memoria protestou durante o acto con consignas como «A derradeira leición que aínda non aprendestes», «O cadro naceu no exilio por mor do fascismo» e «Sodes fillos do que eles combateron».