A sede da fundación que defende o legado do artista reúne obras feitas entre os anos 1928 e 1930
17 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«É un Laxeiro moi novo, pero xa amosa elementos da arte das vangardas de entreguerras; tivo que chegarlle esa influencia estilística a través dos faladoiros que organizaba Carlos Maside, porque el aínda non pasara pola Academia de San Fernando», explica Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación Laxeiro e comisario da mostra «Laxeiro, as viñetas que non foron ao prelo», que permanecerá aberta ao público ata o próximo 20 de setembro na sede da citada fundación, situada na Casa das Artes de Vigo (rúa Policarpo Sanz, número 15).
A exposición está composta por seis pezas inéditas, pertencentes a coleccións privadas, que Pérez Buján, aínda que non ten a certeza, opina, como experto na obra do creador dezao, que son debuxos feitos para a súa publicación na prensa, como a serie titulada Monos de Laxeiro, composta por 49 viñetas que apareceron en xornais galegos entre os anos 1928 e 1930. Dese mesmo período son as obras agora exhibidas.
O proxecto parte da peza titulada Enterro, que preside —nun punto privilexiado— a sala. «Cando a vin, sentín coma un golpe no estómago e dixen que habería que facer algo», lembra o comisario. Ademais do seu enorme valor técnico e estilístico, esta peza presenta a peculiaridade de que ten dúas sinaturas distintas de Laxeiro, co seu propio nome, como J. Otero, e tamén como Laxeiro. «Isto pode sinalar que aínda responde a un período de afirmación da súa personalidade artística», detalla Buján, que recorda que entón el tiña só 20 ou 21 anos, despois de retornado da Habana a Lalín aínda sendo adolescente.
O pulo definitivo para este proxecto chegou coa obra titulada Velorio, na que as sombras o dominan todo. Javier Pérez Buján apunta, para falar das influencias destas obras, aos pintores clásicos José de Ribera e El Greco, para subliñar o ambiente de escuridade. Pero tamén engade o expresionismo alemán ou mesmo o art déco, segundo o comisario, moi evidente nas figuras da peza titulada Namorados.
Pérez Buján destaca o interese narrativo destas obras polo peso do factor humano que representa a súa exploración das clases máis populares, como tamén, subliña, que non aparecera aínda o carácter máxico tan característico na obra de José Otero Abeledo, Laxeiro (Donramiro, Lalín, 1908-Vigo, 1996). «Con estes debuxos, o pintor retrata a paisaxe humana da súa contorna, con todos os elementos culturais daquel contexto e, como consecuencia, retrata tamén a súa propia mirada, non só como espectador, senón como actor dun mundo ao que el mesmo pertencía», conclúe o comisario.
A mostra forma parte da conmemoración do trixésimo aniversario do pasamento de Laxeiro, que se cumpre o vindeiro 21 de xullo, por parte da fundación que defende o seu precioso legado.