«Para gustos, cultura», unha oferta descentralizada e diversa que a Xunta achega este verán a 200 concellos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Presentación do programa autonómico encabezada polo conselleiro de Cultura, José López.
Presentación do programa autonómico encabezada polo conselleiro de Cultura, José López.

O conselleiro José López apuntou que con esta ampla programación encaran o Xacobeo 2027 dando mostra do seu compromiso «cun eido que é estratéxico para a comunidade, asumindo un papel proactivo na xeración de contidos e poñendo en valor multitude de expresións artísticas»

16 jun 2026 . Actualizado a las 19:47 h.

O conselleiro de Cultura, José López Campos, e o seu director xeral Anxo M. Lorenzo presentaron a segunda edición da campaña Para gustos, cultura, coa que, din, ofrecen unha ampla e variada actividade cultural incluíndo máis de corenta tipoloxías de propostas, e que este verán aumenta o seu impacto ata as 3.600 accións «dando conta do bo momento do sector ás portas do Xacobeo 2027, e o do apoio que se brinda a través desta programación».

O conselleiro apuntou que encaran así o vindeiro Ano Santo dando mostra do seu compromiso «cun eido que é estratéxico para a comunidade, asumindo un papel proactivo na xeración de contidos e poñendo en valor multitude de expresións artísticas». Fixo así referencia a unha «oferta diversa, plural, descentralizada e destinada a todos os intereses e todos os públicos que chega a 200 concellos en liña coa lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia». Deste xeito, lembrou que o programa, que se desenvolverá de xuño a setembro, pon o foco na cativada e a mocidade, nas familias e na xente de maior idade, chegando a todo o territorio, con especial sensibilidade no medio rural.

López tamén fixo fincapé en que se trata dunha «programación transversal» impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tanto con proxectos propios como con outras propostas que son froito do traballo cos distintos departamentos do Goberno galego e en colaboración con outras Administracións públicas e entidades privadas. Consolídase así, dixo, unha axenda que o ano pasado lle deu continuidade ás campañas de 2023 e 2024 baixo o nome de CulturOn.

O comisario do Ano Santo, Marcos Gómez, definiu o programa como «unha moi boa antesala do que será o Xacobeo 2027» e un reflexo da colaboración interinstitucional entre organismos e entidades privadas, fórmula coa que queren traballar de cara ao Xacobeo 2027 e que xa están desenvolvemento a través de varias ferramentas coma o Plan Director de Patrocinios e a convocatoria O teu Xacobeo.

 López debullou algunhas das liñas nas que se asenta o programa, que abarca «un milleiro de actividades que teñen que ver coas artes escénicas, a música ou a produción audiovisual con circuítos moi consolidados como Cultura no Camiño, con máis de 300 funcións na rutas xacobeas». A isto, engadiu, «súmanselle máis de 600 accións en festivais de moi diversa índole, desde os musicais a outros vencellados ao cinema, á literatura, á narración oral ou precisamente ás artes escénicas».

«As actividades nos equipamentos que xestionamos directamente, os museos, bibliotecas e arquivos, son outros dos piares fundamentais da nosa oferta con ao redor de 30 exposicións e ata 500 propostas de dinamización que se suman ás que apoiamos noutros espazos, ata as 1.300», aclarou. Tamén puxo o foco na oportunidade que ofrecen as actividades de verán para a promoción da lingua», onde destacan o ciclo FalaRedes, que porá en marcha ao redor de 30 propostas entre monólogos e pezas teatrais e os relatorios Toponimízate, que versarán sobre os nomes dos lugares de Galicia, ademais dun ciclo de proxección de curtas en galego.

A oferta musical da Xunta para o verán aglutina diversos estilos, xéneros e formatos, nun calendario que vai desde a música tradicional galega e a aposta polo talento emerxente da comunidade e artistas máis consolidados, ata artistas internacionais. Así, o público poderá gozar dos concertos de Milladoiro, Luar na Lubre, Emilio Rúa ou Uxía ou dunha nova edición de Atardecer no Gaiás, con 15 concertos nos exteriores da Cidade da Cultura. A isto únense os grandes festivais que se celebran baixo a marca Concertos do Xacobeo, con carteis que achegan centos de actuacións galegas, nacionais e internacionais, do mesmo xeito que as 88 festas de interese turístico que se celebran en Galicia este verán e atraerán numerosas citas musicais xunto con outras propostas culturais.

A campaña acolle tamén unha ampla tipoloxía de festivais que non teñen que ver coa música. Un exemplo destas propostas é o Festival Atlántica de narrativa, os literarios como o Festivalle ou a Festa da Palabra na Ínsua dos Poetas, o FIC Bueu de cinema, ou os de artes escénicas como a Mostra de Teatro de Ribadavia ou o Festival Agustín Magán de Teatro Afeccionado.

Por outra banda, en canto a circuítos, cómpre resaltar o recoñecido ciclo Danza 3, que ten programadas 14 citas para os próximos meses, e que se unen á programación musical en salas e ás funcións na Rede de Teatros e Auditorios de Galicia. Mentres, no eido escénico cobra especial relevancia o Centro Dramático Galego, que pon sobre as táboas 37 actuacións coa coprodución Ñiquiñaque como protagonista.

Ademais, poderanse visitar nos centros museísticos, bibliotecas e arquivos da Xunta mostras de moi diversas temáticas como son Voces do Pacífico. Innovación e tradición, na Cidade da Cultura, cunha escolma de máis de 200 obxectos da colección do British Museum; Illa Ignorada, no Centro Galego de Arte Contemporánea; Habana Mater. 2003-2023. Luis Gabú, no Museo de Belas Artes da Coruña; Ramón Otero Pedrayo. 50º cadobano (1976-2026), no Arquivo Histórico Provincial de Ourense.