Francisco X. Fernández Naval: «Na poesía, como na vida, cómpre estar atento ao que te sorprende, ao que sae do profundo»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Chisco Naval, no 2023, tomando co móbil un selfi coa súa nai, Pepita, falecida apenas un ano despois.
Chisco Naval, no 2023, tomando co móbil un selfi coa súa nai, Pepita, falecida apenas un ano despois.

O escritor ourensán publica o poemario «Val tan doce e sombrío», un tributo á súa nai en que a acompaña na enfermidade final do alzhéimer

22 jun 2026 . Actualizado a las 20:55 h.

«Alzhéimer, / animal dentado, / sen rostro, / que se agocha e avanza / coa estratexia do alfil». A nai de Francisco Xosé Fernández Naval, Chisco (Ourense, 1956), Pepita, faleceu tras seis anos de cohabitación —e combate desigual— coa enfermidade, primeiro foi un glaucoma, que a deixou na cegueira, e despois o mal de Alzhéimer. Nese ínterim, nunha experiencia de acompañamento e dor, o escritor foi deitando poemas, sen preparación ningunha, de xeito case orgánico, como se os versos lle saísen ao paso. Como resultado, acaba de saír do prelo o volume Val tan doce e sombrío, publicado pola editorial Kalandraka na súa moi coidada colección Tambo, que dirixe Luís Rei Núñez. Este martes 16 de xuño —ás sete e media da tarde— preséntano en Ourense, na libraría Tanco. Fernández Naval nega que haxa contradición algunha entre doce e sombrío, xa que, razoa, «un pode ser moi feliz nun lugar de sombra, un día de calor, por exemplo, debaixo dunhas árbores marabillosas». Embebido nesta idea, explica, tomou o título dun poema de Olvido García Valdés, Pastoral: «Si falla / la memoria, todo quiebra; / si es escasa, empero, / significa: aquel valle / tan dulce y tan sombrío». A sombra adopta aquí un sentido, incide, «do que resgarda, do que protexe, do que acolle». Quere remarcar así que detrás deste libro non hai carraxe, ira, rabia nin resentimento, só o reflexo agradecido deses seis anos de acompañamento e coidados, na enfermidade, nun subtexto que aspira ser ademais unha homenaxe, un tributo á nai: «Ela é moi importante para min, non só no estreito vínculo persoal, senón na propia escritura. Foi miña nai quen se empeñou unha e outra vez en que lera, o que se suma a que era una extraordinaria narradora oral. Sen ela, sen o seu constante contar, sen o seu constante dicir, sen a súa relación coa palabra, eu non tería escrito. Incluso podo dicir que a parasitei, que vivín moito tempo dos seus contos. E ata na miña novela A noite branca, ela é unha das voces». Como proclama Gustavo Martín Garzo na cita que abre o libro: «La figura de la madre es el acto fundacional de la literatura».

Tan agarimoso quere ser este abrazo materno-filial, que apenas queda sitio para os momentos máis duros da enfermidade —con respostas agresivas da enferma, como na súa fobia á auga—, porque se impón de tal maneira o punto de vista do amor, subliña Chisco Naval, que ata a morte non ten un espazo explícito neste poemario. Só se intúe a súa presenza nesa sorte de despedida que é O berro seco: «Por esta angustia / inabarcable e azul / que alenta en min / e na que habitan / o berro seco, / o medo e o amor, / sei que te perdo».

Toda a obra intenta tratar o tema de maneira amorosa, delicada, respondendo á forza do concepto amor de nai, «ese amor tan particular, que é só entrega, que nada pide a cambio, que sentes antes incluso de nacer, único, sen condicionamentos. Porque ela [Pepita] sempre quixo. E eu —confesa feliz— só busco devolverlle esa entrega absoluta».

Na construción deste proxecto non hai unha disciplina de traballo diario. «Eu o poema non o penso —corrobora Fernández Naval—, xorde. Hai aquí un ritmo interior que se desata, unha especie de ritmo musical, que abrolla dunha sílaba, dunha palabra, como unha revelación, e a partir disto comeza a escritura dun verso, de dous, ou, pola contra, queda en nada, non chega a ningures. Logo virá o cicelado, se a cousa avanza, pero a min os poemas nácenme así. Na poesía, como na vida, cómpre estar atento ao que te sorprende, ao que sae do profundo». Por algo leva sempre bolígrafo e caderno, vaia a onde vaia, presto a anotar esa palabra, esa imaxe, que ha de actuar como verdadeiro disparador do poema. Estes chispazos ocorren ata cando vai no coche, e daquela, di, arrima na beira da calzada e grava unha nota de voz no seu teléfono móbil porque se deixa pasar o momento «o fío do que tirar remata por esvaecerse».

«Isto non é un libro de autoaxuda, pero gustaríame que lles servise aos lectores; sempre escribimos para outros»

Pero non é só Val tan doce e sombrío unha celebración de Pepita. Que o é. Quixera o seu fillo Francisco Xosé Fernández Naval «ter a ilusión, ou a certeza», de que sexa ao tempo unha homenaxe a todas as nais. Do mesmo xeito, di, gustaríalle que servise aos lectores, e aos fillos: «Especialmente ás persoas que atravesan por unha situación semellante, e, máis cedo ou máis tarde, a todos nos pasa. O propósito é que os poemas acompañen á xente neses momentos de dor e dificultade. Compartir, estar xuntos, diso falo. Este é un libro de acompañamento. O que exploran estes versos ademais son situacións particulares, pero as emocións que alentan, e que os alentan, son universais». Porque, insiste Chisco Naval: «Sempre escribimos para outros, incluso neses libros cos que só pretendemos distraer».

Por outra banda, e volve insistir teimudo, o ton do poemario non é cru, non pretende un tránsito de dó descarnado, un calvario redentor, nin unha epifanía. Todo é moito más sinxelo e próximo. O libro, adianta, «está cheo de paxaros, cheo de flores, cheo de bosque, cheo de sol, cheo de lúa, cheo de río Miño... Brilla por as partes todas». Nese sentido, afonda na importancia da natureza, «ese espazo que é fundamental e onde se dá unha convivencia constante e harmónica da vida e da morte». Observar isto é tarefa crucial do poeta xa que «a vida está sempre aí, hai que estar esperto para percibila». Como a lavanda cando esboura nas beirarrúas pola primavera, relata o vate, mentres entra en Ourense e o seu recendo inflama o aire.

--PRESENTACIÓNS

Ourense (16 de xuño).

Ás 19.30 horas, na libraría Tanco. Con Olga Pastor, Luís Rei Núñez e Fernández Naval.

A Coruña (18 de xuño).

Ás 20.00 horas, en Portas Ártabras. Con Eva Veiga, Luís Rei Núñez e Fernández Naval.

Pontevedra (22 de xuño).

Ás 19.00 horas, na Libraría Paz. Con Míriam Ferradáns, Luís Rei Núñez e Fernández Naval.