A «violenta imprecación» poética contra os vencedores da guerra

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O crítico Ramón Nicolás e o ensaísta Xesús Alonso Montero, posando en xaneiro do 2022 co «Dicionario da nova literatura galega. 86 voces responden un inquérito». Foi ao fío daquel rescate cando Nicolás lle propuxo recuperar tamén a escolma de poesía crítica. «Foron todo facilidades por parte do autor», lembra. O binomio volveu funcionar.
O crítico Ramón Nicolás e o ensaísta Xesús Alonso Montero, posando en xaneiro do 2022 co «Dicionario da nova literatura galega. 86 voces responden un inquérito». Foi ao fío daquel rescate cando Nicolás lle propuxo recuperar tamén a escolma de poesía crítica. «Foron todo facilidades por parte do autor», lembra. O binomio volveu funcionar. M.MORALEJO

Ramón Nicolás rescata a escolma de lírica crítica galega elaborada en 1967 que a censura lle impediu publicar a Alonso Montero, falecido en febreiro

14 jun 2026 . Actualizado a las 12:40 h.

«Una selección claramente determinada por la tendencia a la protesta política del nacionalismo separatista gallego en su mayor parte, aunque tampoco faltan las apologías de extremismos y extremistas de izquierda ni las violentas imprecaciones contra los vencedores en nuestra última guerra y contra lo que ella ha significado. [...] Desde un punto de vista más ampliamente político, cabría pensar que la poca difusión del heterogéneo y arbitrario gallego literario, así como el tono tópicamente plañidero de algunas protestas y el grotescamente estentóreo de otras llamando a las armas a los segadores irredentos, dejarían la obra sin más efecto que el de un ridículo bien merecido para la causa que propugna, aunque la intención de autores y editor sea francamente sediciosa y atentatoria a la integridad nacional».

Con esta obscena e contundente pobreza de análise e este ton de condescendencia e desprezo despachou o servizo da censura franquista o seu informe sobre a compilación confeccionada por Xesús Alonso Montero Trinta anos de poesía crítica (1936-1966) que aparece asinado o 29 de setembro de 1967 co ditame de «no publicable» —que se traduciu en «no es aconsejable» na resposta ao autor—. Aí morreu drasticamente aquel proxecto como un ano despois morrería —nas mesmas mans dos secuaces do Ministerio de Información y Turismo, daquela gobernado por Manuel Fraga Iribarne— a escolma en formato bilingüe que preparou Xosé Luís Méndez Ferrín Poesía gallega contemporánea (1936-1968).

Á espera de que o libro de Ferrín saia por fin á luz, pódese celebrar —¡case sesenta anos despois!— que o crítico literario, investigador e colaborador de La Voz de Galicia Ramón Nicolás vén de exhumar a antoloxía elaborada por Alonso Montero, en cuxa edición ambos os dous traballaban cando o falecemento —acaecido o pasado febreiro— deixou ao vello profesor sen poder ver o resultado final xa saído do prelo, no catálogo do selo Galaxia.

A escolma está integrada por preto dun centenar de poemas de trinta autores, entre os que destaca en presenza Celso Emilio Ferreiro, cuxa obra —non se pode evitar observar— é unha afouta chamada que está alentando aos que veñen detrás, aos máis ou menos novos, entre eles, Manuel María, Bernardino Graña, Manuel Álvarez Torneiro, Alexandre Cribeiro, Méndez Ferrín, Arcadio López-Casanova, Lois Diéguez... O traballo de Alonso Montero incluía daquelas obra inédita de algúns destes nomes da poesía galega hoxe esenciais.

Tamén había textos chegados alén mar, desde o exilio, desde a diáspora americana. De Luis Seoane e Lorenzo Varela, recoñecía Alonso Montero, viuse na obriga de prescindir de obras tan descarnadas ou explícitas como Compañeiros da miña xeneración mortos ou asesiñados (1954) e pezas de Fardel de eisiliado (1952), respectivamente. Sería unha actitude suicida, confesaba. Malia esa tan cautelosa autocensura, concedía, o réxime franquista non tivo piedade.