Teresa García-Sabell: «O meu pai sempre foi fiel a Galicia e a si mesmo»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Teresa García-Sabell posa en Santiago cun exemplar do seu libro sobre o seu pai.
Teresa García-Sabell posa en Santiago cun exemplar do seu libro sobre o seu pai. sandra alonso

Vén de publicar «Domingo García-Sabell. A voz e a palabra» un libro que recolle a visión máis persoal dun dos grandes persoeiros da Transición galega a través do seu xornal e conversas que mantivo con Siro López

06 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

«Cando eu non estea, tes que te facer cargo disto». Domingo García-Sabell encomendoulle á súa filla Teresa un feixe de cadernos do que el mesmo chamaba Xornal, un compendio de vivencias no que se mesturaban apuntamentos sobre conferencias, exposicións, reflexións, problemas con algún doente...«Un totum revolutum», di Teresa García-Sabell (Santiago, 1942), que, malia que ao primeiro pensaba que mergullarse nos cadernos do seu pai era «invadir a súa intimidade», rematou por ler, mecanografar, sistematizar, sumar a achega das conversas que Siro López tiña gravadas, buscar unha unidade e darlle forma de libro. Acaba de saír do prelo Domingo García-Sabell. A voz e a palabra (Galaxia), escrito en primeira persoa porque boa parte do texto —case todo, puntualiza a autora— son palabras del. 

—O libro é un testemuño en primeira persoa do seu pai.

—A min non me interesa meu pai como médico, nin como escritor, nin como ensaísta, nin como político. A min o que me interesaba era a persoa. Quería retratar a persoa de meu pai. Sacar daquilo o que era el, as as súas reaccións fronte ás cousas que lle pasaban, fronte aos avatares da súa vida, que tivo moitos, con moitas complicacións. E iso foi o que fixen: sacar a persoa. Este libro está dedicado aos meus netos... aos que el non coñeceu. Quería que tiveran unha memoria da súa orixe, de onde veñen. 

—Se cadra podemos dicir que a palabra son o Xornal, que abrangue dos anos 50 ata os 80, e que a voz son as gravacións que conserva Siro. 

—Claro. O libro son as dúas cousas e entre os dous decidimos que o contara el, porque hai cousas que son literais, como o escribiu el. O meu pai, como todas as persoas, ten unha personalidade complicada, é moi contraditorio... Procurei ser o máis obxectiva posible, non escapar de ningún dos temas complicados. Alí onde el se meteu, onde moitos consideran, e con razón, que meteu a zoca, as noticias que teño, todo vai aí. Non hai edulcoración. 

—Como foi mergullarse no maxín de seu pai?

—Moi duro. Duro porque tes unha imaxe e tes que poñerte de fóra. Tes a visión do teu pai , que para min foi o mellor do mundo, porque o meu pai nos educou na liberdade completa. Pensas que o teu pai é perfecto e empezas a ver os problemas que tivo, dos que ti non tiñas nin idea porque moitas cousas calábaas. E custa moito. E logo está a parte afectiva. Hai un capítulo dedicado á guerra e hai cousas que a nós nunca nos dixo, porque evitaba falar desas cousas, sobre todo na casa, coa familia. Ten momentos nos que as falou con Siro, ou con Luís Seoane, e podo recollelo, pero con nós, directamente, nunca. A min só unha vez me levou ao campo de concentración onde estivo de médico e ao cemiterio, a ver onde fusilaran os seus amigos. Custoume moito anímicamente, pero tiven moitos apoios.

—O Xornal abrangue o momento histórico no que xermolou a Galicia actual.

—Si, hai esa parte política. Aínda que non me quixen meter moito, tiña que explicalo, porque meu pai tamén foi político e estivo comprometido cun programa que tiña como alma máter a Ramón Piñeiro. El xogou o seu papel e tivo moitos problemas tamén, moitos momentos complicados. Cando na Academia empezaron a cuestionar se o delegado do Goberno tiña que ser tamén presidente da RAG, os problemas cando saiu a Lei de Normalización Lingüística, cando se pecharon os escritores...

—Non hai nada agachado.

—Nada, porque se de verdade queres presentar a unha persoa, non podes esquecer todas as súas vicisitudes, os seus momentos malos, os seus momentos bos. De todos os xeitos, o meu pai arranxaba moitas cousas coa palabra. Nese mesmo episodio da Academia, no que houbo un peche un día pola tarde e escribiron unha carta dicindo que estarían pechados ata que dimitira o presidente da Academia. El foi pola tarde alí, falou con eles e marcharon. O que lles dixo non o sei, sábeno eles [ri]. O que sei é que durou o peche unhas horas.

—Que pensaría Domingo García-Sabell do que acontece hoxe?

—Non o quero nin imaxinar. El cría que había que solucionar as cousas con diálogo, sempre, e iso pode verse coa súa actuación na Delegación do Goberno. El sempre se levou ben co presidente da Xunta, fora un ou fora outro, non tivo problemas con ninguén. Con Xerardo Fernández Albor foi amigo de toda a vida. Tiñan opcións distintas, o meu pai era de esquerdas, Albor, non, pero o trato era excelente. O meu pai sempre foi fiel a Galicia e a si mesmo.

—Foi tamén parte dunha xeración que hoxe se estuda nas escolas.

—Tivo moi boa relación con moita xente desa xeración Galaxia, pero hai dúas persoas ás que papá adoraba, que eran Otero Pedrayo e Ramón Piñeiro, os dous Ramones [ri]. En casa había don Ramón e Ramón. Ramón era Piñeiro. Papá e Otero Pedrayo sempre se trataron de vostede. Era unha amizade enorme e curiosa, porque hai unha diferenza xeracional enorme, de máis de vinte anos, pero tamén unha identificación tremenda entre os dous, porque vivían Galicia dunha forma especial, era unha realidade, non un ente etéreo, e ao mesmo tempo tiñan ese europeísmo, esa apertura cara a unha cultura europea, pero sen mimetismo. Don Ramón chamáballe a papa o xoven mestre e meu pai, cando falaba del chamábao o patrón. Era unha relación moi especial. 

—E con Piñeiro?

—Ramón era da familia. Eu tiven a sorte de ter dous pais, porque cando meu pai estaba farto das miñas historias, dicíame que fora falalo con Ramón [risas]. Ramón era unha persoa moi especial. 

—É moi interesante como se xera unha imaxe social dunha persoa e quedan fixados certos feitos que non definen o seu carácter. Este libro tamén racha estereotipos?

—Dise que o meu pai chegou ao galeguismo grazas a Ramón Piñeiro e nos anos 20, cando non sabía que existía Ramón Piñeiro, estaba facendo panfletos pedindo cátedras de galego na universidade. Tamén se di que meu pai era dependente de Ramón Piñeiro e non é verdade, son dúas personalidades completamente complementarias. O meu pai definíase como frenético e Piñeiro era todo o contrario, a tranquilidade, o sosego, analizar antes de lanzarse. Ese tándem funcionaba estupendamente,

Creánse estereotipos, porque Ramón era político, esencialmente político. Meu pai non. Meu pai foi á política arrastrado. Fernández Albor, papá e todos saen de Realidade Galega.

—Fala no Xornal de Rega e das reclamacións do estatuto?

—Si, pero fala pouco, porque a el a política en realidade non lle gustaba, non ía con el. Fala pouco e utilicei as hemerotecas para reconstruílo. 

—Nunha entrevista non se definía como médico. Definíase como curador. 

—Meu pai foi unha persoa que se volcou moito cos demais, dá igual en que en que posto estivera e o que fixera. Curador e sanador eran dúas palabras que lle gustaban moito, porque dicía que moitas veces no médico eran máis importantes as palabras que as medicinas. Dicía sempre que hai enfermos que necesitan que o médico lles lles diga algo.

—Que é algo que se reclama na práctica actual.

—O meu pai sempre dicía que a medicina adiantaba moito, pero que se perda o trato cos enfermos é criminal. Esa deshumanización el non a podía ver. Di no libro que cando o médico non pode facer nada e ve que o enfermo vaise ir, ten que agarrarlle a man e acompañalo.