O Museo de Pontevedra suma a maior colección sobre Valle-Inclán

Alfredo López Penide
l. pENIDE PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Javier del Valle-Inclán, neto do escritor; Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación; Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, e Luis López, presidente da Deputación, conversan arredor dunha efixie do creador do esperpento firmada por José Luis Penado que se conserva no museo.
Javier del Valle-Inclán, neto do escritor; Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación; Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, e Luis López, presidente da Deputación, conversan arredor dunha efixie do creador do esperpento firmada por José Luis Penado que se conserva no museo. Miguel Puebla

A Deputación adquiriu por 290.000 euros un fondo que inclúe 24 caricaturas e retratos do escritor arousán, entre eles algúns asinados por Carlos Maside e Arturo Souto; 11 gravados e 23 pinturas; oito esculturas, entre as que resaltan as máscaras mortuorias do escritor realizadas por Francisco Asorey; quince pezas de mobiliario da súa vivenda en Madrid e dezaoito de indumentaria e complementos

05 jun 2026 . Actualizado a las 09:15 h.

Despois de tres anos de conversas, o Museo de Pontevedra vén de adquirir a maior colección existente sobre Ramón María del Valle-Inclán, uns fondos que ata agora custodiaba a familia do escritor, que estivo representada polo seu neto Javier del Valle-Inclán, e que inclúen dende obxectos persoais, como correspondencia con outros autores, ata obras de arte de grandes figuras da súa época. «A partir de agora, falar do Museo de Pontevedra será tamén falar do museo máis importante de España arredor da figura de Valle-Inclán», destacou Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, que cifrou o acordo de adquisición en 290.000 euros.

Como un «día histórico» cualificou López esta xornada, toda vez que «este museo tamén será a casa doutro grande das nosas letras: don Ramón María del Valle-Inclán». «É unha das grandes figuras da literatura española, e coa súa obra situou a Pontevedra e a Galicia no epicentro da vangarda artística de finais do século XIX e principios do XX», incidiu López, mentres que a directora do museo considerou que se lle facía xustiza ao autor de Luces de bohemia.

A colección, segundo apuntou esta última, Ángeles Tilve, inclúe 24 caricaturas e retratos do propio Valle-Inclán, entre eles algúns asinados por Carlos Maside, Sancha, Arturo Souto e Daniel Vázquez Díaz; 11 gravados e 23 pinturas, incluíndo obras de artistas como Ángel Zárraga, Joaquín Mir e Marceliano Santa María; e tamén o cadro simbolista Florisel, do galego Juan Luis López, galardoado coa terceira medalla na Exposición Nacional de 1917. Alberga oito esculturas, entre as que resaltan as máscaras mortuorias do escritor realizadas por Francisco Asorey, quince pezas de mobiliario da súa vivenda en Madrid, dezaoito pezas de indumentaria e complementos, así como 36 obxectos varios, que van dende condecoracións e pezas de cerámica ata os tacos tipográficos que o creador do esperpento empregou nas edicións das súas obras.

Completan este legado un conxunto de fotografías datadas entre 1860 e arredor de 1930 e documentación de arquivo, como correspondencia, contas e notas domésticas, tarxetas persoais e orixinais doutros autores, como un prólogo escrito por Jacinto Benavente. «Un universo material que nos achega ao home detrás do mito», resumiu Tilve, que avanzou que se habilitará una sala do edificio García Flórez, unha vez finalicen os traballos de rehabilitación, para expor a colección.

O conxunto destas pezas permitirá, en coordinación coa casa museo de Vilanova, «achegarse á figura de Ramón María del Valle-Inclán desde unha perspectiva integral, non só para coñecer mellor a súa obra, senón para comprender o contexto intelectual, artístico e humano no que foi creada. Valle-Inclán forma parte da literatura universal pero tamén da historia de Galicia e Pontevedra, e o museo custodiará a máis completa e relevante colección existente sobre o escritor», precisou, pola súa banda, o vicepresidente, Rafa Domínguez.