LG1DO, a nova sensación da música urbana galega, publica o seu disco mentres remata a PAU
CULTURA
O artista de Santa Comba, que foi top 5 na lista viral de Spotify cando só tiña 17 anos, lanza hoxe «Sobresaliente», un álbum de nove cancións no que colabora 9Louro, Vreno, B10 e Dirty Suc
04 jun 2026 . Actualizado a las 14:31 h.Ten 18 anos, é un estudante brillante e, ademais, arrasa coas súas cancións portando xunto a 9Louro, a bandeira da nova música urbana galega. Trátase de Saúl Rodríguez Maroñas, que artisticamente se fai chamar LG1DO, e que lanza o seu disco de debut dunha maneira pouco convencional. Saiu hoxe ás 12.00 horas por sorpresa, mentres realiza o seu último exame da PAU. Titúlase Sobresaliente e trátase dun proxecto de 9 cancións que chega xusto cando pecha o Bacharelato cunha media de 9,5.
Todo apunta a que será un dos nomes do verán que estará por todas partes difundundo a súa música. Pero a súa historia no empezou hoxe. Nin onte tampouco. Nado en Ames e criado en Santa Comba, Saúl comezou na música hai apenas cinco anos, gravando rap dentro dun armario para evitar o eco. Hoxe, ese mesmo rapaz que estuda no IES Terra de Xallas e xoga ao fútbol no club local pasou de gravar co móbil e uns cascos a situarse entre os nomes emerxentes máis seguidos de Galicia.
O seu primeiro gran golpe chegou con Darche, unha colaboración con Guzmen que alcanzou o top 5 da lista Viral 50: Spain de Spotify. Aquel éxito pillouno facendo os deberes na casa: o seu mánager avisouno de que o tema estaba no posto 11, e pouco despois subiu ao 4. Para un artista que entón tiña 17 anos e que cantaba na lingua na que fala cada día, o impacto foi enorme. «Flipéi con que un tema en galego fose viral», contaba entón na Voz.
Ese fenómeno foi o inicio dunha carreira que desde xaneiro suma 200.000 oíntes en Spotify, máis de 25.000 seguidores en TikTok, 23.000 en Instagram e 13 concertos, con outras 25 datas previstas para o verán. Todo iso mentres compaxinaba exames, traballos, adestramentos e a preparación da PAU.
Sobresaliente, o título da súa primeira mixtape, funciona como un retrato deste momento vital. Antes do seu lanzamento, LG1DO xa adiantara tres temas —VOLAR, Non Me Culpes e Bye Bye— que xuntos rozan o millón de reproducións. VOLAR, integramente en galego, contou co apoio do Deportivo da Coruña na súa campaña de ascenso e levouno ao mítico programa Luar da TVG.
A mixtape inclúe colaboracións con 9Louro, Vreno, B10 e unha intro cun discurso motivacional de Dirty Suc, figura clave da música urbana galega, que aparece como unha voz que simboliza o relevo xeracional.
Este día de lanzamento non alberga só a saída do disco. Tras rematar la PAU, LG1DO actuará por sorpresa no gran evento de fin de exames de Santiago, levando ao directo un proxecto que nace precisamente dese cruzamento entre xuventude, presión, ilusión e celebración.