Cando alguén me pregunta pola idade e respondo que nacín no 60, por brincadeira e ser un pouco furabolos aproveito para recoñecer que a miña sería unha magnífica anada de non vir estragala un tal Rodríguez Zapatero, que anda estes días de rabiosa actualidade. Nin que eu fose adiviño! Nun dos máis lúcidos ensaios do século XX (The Gutenberg Galaxy, Toronto University Press, 1962; editámolo en lingua galega: A galaxia Gutenberg, Clásicos do Pensamento Universal, FBBVA-USC, 2009), Marshall MacLuhan chamou xeración Marconi ao punto de inflexión que puxo a primeira pedra da aldea global: a radio, unha innovación que comprimía o tempo e o espazo nunha canle sen fronteiras, o que contribuíu en boa medida á emerxencia dos totalitarismos nas convulsas décadas dos 30 e 40 do pasado século. Supoño que Zetapé, coma min e toda a quinta dos últimos búmers (unha xeira mestiza e cimarrona por varios motivos), aloxamos a radio no departamento das primeiras lembranzas. Son quen de situar no tempo a vez primeira que sentei diante dunha tele e, con anterioridade, os anos aurorais nos que a radio reinaba nun espazo privilexiado do comedor. Era unha fermosa radio de madeira Atwater Kent, que por atrás agochaba un complexo intestino de tubos, válvulas e lámpadas que a min me fascinaba contemplar. Contaba meu pai que nese venerable aparello souberon el, seus irmáns e mais os meus avós da invasión de Polonia en 1939 e do xenocidio de Hiroshima. Anos despois, e no amable mundo dun neno de catro ou cinco anos, esa radio emitía unha canción que, confusamente, recordo trataba dun cabalo que corría feliz por un prado e me facía bailar entusiasmado. Fronte ao embate dunha hiperteconoloxía deshumanizada e moi agresiva, a radio é un sublime anacronismo, mantendo o engado do invento primitivo. Agora que Alsina anuncia a súa marcha do prime time en Onda Cero, recoñezo que botarei en falta, nese intervalo cotián de coche dende a casa ao traballo, a súa serenidade, a súa relaxante prosodia, a súa intelixente ironía e a cerna incomparable dun gran comunicador. Escoitar e non mirar: talvez esta sexa a fórmula, máxica e intemporal, da radio.