Freixanes: «O xornalismo literario de Carlos Casares é difícil de imitar»

Maite Rodríguez Vázquez
MAITE RODRÍGUEZ XINZO / LA VOZ

CULTURA

O escritor Víctor Fernández Freixanes recolle o Premio de Xornalismo Literario Carlos Casares en Xinzo de Limia.
O escritor Víctor Fernández Freixanes recolle o Premio de Xornalismo Literario Carlos Casares en Xinzo de Limia. Maite R.

O escritor recibiu un premio en Xinzo de Limia polas súas columnas en La Voz

30 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor Víctor Fernández Freixanes recolleu este venres en Xinzo de Limia o Premio de Xornalismo Literario Carlos Casares, que conceden o Concello limián e a Fundación Carlos Casares. A calidade da columna Vento nas velas, que publica os domingos en La Voz de Galicia desde xuño do 2001, foi recoñecida polo xurado desta cuarta edición do galardón. Víctor F. Freixanes lembrou, no seu discurso na reitoral da igrexa de Santa Mariña, a figura de Carlos Casares, e o faro xornalístico e literario que supuxo a columna del en La Voz, Á marxe, que se publicou diariamente entre 1993 e 2002. Freixanes apuntou que os dous naceron un 24 de agosto, Casares dez anos antes, e tiveron moitas vivencias en común. «Foi meu editor e confidente», remarcou o galardoado. Mencionou que os dous imaxinaron, nunha estancia en Berlín, sentados nunha beirarrúa diante da Porta de Brandeburgo, a Biblioteca Galega 120, que se faría realidade coa colaboración entre La Voz de Galicia e a editoriais galegas. Foi «un proxecto irrepetible», considerou. Como editor en Galaxia, unha etapa de catorce anos, desvelou que se sentiu especialmente orgulloso da colección Biblioteca de Autor, na que quixo recoller os textos xornalísticos de Carlos Casares en dez volumes. «E unha colección de xornalismo literario moi difícil de imitar», destacou o profesor e académico galego.

O xornalismo literario ten longa tradición en Galicia desde Manuel Pardo de Andrade, repasou. Distingue Freixanes entre xornalistas e escritores que escreben nos xornais. Casares tivo a primeira faceta, mais a súa memoria xustifícase hoxe polo «alento literario para escribir para todos os público», apuntou. «Miles de persoas almorzaban cada mañá coas súas columnas e sentíronse orfas cando faltou a columna e apareceu o espazo en branco, homenaxe do xornal», lembrou.

Se as columnas de Casares marcaron unha época, as de Freixanes ofrecen hoxe un «ton sereno», unha «visión positiva, aportando claridade a episodios confusos», indicou o secretario do xurado, Gustavo Adolfo Garrido, ao ler a acta do fallo do galardón. Este premio de xornalismo literario recoñece a destreza de Freixanes para reflectir sobre a actualidade, balanceando o pasado e o presente.

María López Sández, ensaísta e integrante da RAG, foi a encargada de presentar o perfil do homenaxeado. Freixanes, dixo, amosa a vontade de comunicar para crear comunidade e de construír espazos nos que Galicia se puidese recoñecer. Repasou a súa traxectoria, fecunda como editor, escritor, xornalista, profesor, e presidente da Real Academia Galega, resumida en que a lingua e a literatura galega non empequenecen o mundo. A súa «ambición literaria infrecuente» fai que a narrativa de Freixanes medre nun tempo longo. López Sández remarcou que o pontevedrés contribuíu a modernizar e ampliar o catálogo do mundo editorial galego. Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, agradeceu o seu exemplo para o xornalismo galego.