Alberto Ruiz de Samaniego, que foi comisario da Bienal de Venecia, entre os oito candidatos excluídos do CGAC
CULTURA
O profesor da Universidade de Vigo fai público que se presentou ao concurso para designar a dirección do centro de arte contemporánea en que a Xunta elixiu a Eva López Tarrío, cuxo currículo é inferior ao do tamén ex director da Fundación Luis Seoane
27 may 2026 . Actualizado a las 18:24 h.Medra sen pausa o malestar no mundo da arte en torno ao procedemento seguido pola Xunta para cubrir a vacante na dirección do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) que deixou a rescisión do contrato de Santiago Olmo despois de máis de dez anos desenvolvendo esta responsabilidade. Alén da funcionarización imposta legalmente que a todos desgusta, en canto que impediu o acceso ao concurso a especialistas, críticos e comisarios independentes, o debate derivou xa cara a cuestionar a capacidade —en función do currículo presentado— da persoa gañadora, Eva López Tarrío (Vigo, 1972), para enfrontar a tarefa e, por tanto, ao xeito en que o tribunal valorou os méritos dos nove aspirantes. Para o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a decisión do xurado e da propia Consellería de Cultura era irrefutable. Así o expresaba nunha entrevista en La Voz de Galicia publicada este domingo:
—Cre que Eva López está preparada para dirixir o CGAC?
—Por suposto que si. Das nove candidaturas que concorreron, foi a que nos pareceu, con diferenza, a mellor capacitada para levar este barco.
—Que pensa dos que din que ese currículo é insuficiente?
—Dubido que coñezan aos outros oito. Todo é opinable. Pero visto o visto, visto o proxecto que presentou e como o traballou, era a persoa.
Pois, si, agora comeza a aflorar a identidade dos primeiros rivais de López Tarrío. Tal afirmación de Lorenzo fixo ferver a indignación nalgúns dos outros oito, que ata entón permanecían nun discreto segundo plano á expectativa dos acontecementos, cada vez máis tensos. E resulta que un deles é o comisario do Pavillón Español da 52.ª edición da Bienal de Arte de Venecia, Alberto Ruiz de Samaniego, que foi tamén director da Fundación Luis Seoane entre os anos 2008 e 2011. O profesor titular de Estética e Teoría das Artes na Universidade de Vigo decidiu saír este martes ao paso de rumoroloxías animado por outra candidata que tamén fixo pública a súa participación na pugna pola dirección do CGAC, Susana Cendán, profesora na Facultade de Belas Artes da mesma universidade.
Ruiz de Samaniego, cun currículo obxectibablemente superior ao de López Tarrío —como tamén o de Cendán—, sopesa incluso presentar un recurso formal. «El problema no es la condición administrativa de nadie, sino el grado de capacidad de gestión artística, autonomía, criterio y reconocimiento que exige una institución como el CGAC. Esa es, a mi juicio, la clave del malestar generalizado: no solo quién ha sido nombrado, sino qué tipo de autoridad cultural se premia o se evita», argumenta sen agochar a súa crecente discrepancia con como se desenvolveu este proceso por parte das autoridades políticas do Goberno autonómico, de quen inicialmente agardaba unha rectificación que non só non chegou senón que rematou por ser unha reafirmación, nas respectivas voces do director xeral Anxo Lorenzo, o conselleiro de Cultura, José López Campos, e o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Visto o visto, e escoitado o escoitado, di, considérase lexitimado para asegurar «con toda rotundidad que entre las candidaturas presentadas había perfiles con una trayectoria profesional, académica e internacional de mayor solidez y reconocimiento. Que hay candidatos con más méritos y currículo en la convocatoria (currículo tanto nacional como internacional, académico y profesional)», subliña para rematar coa súa confesión: «Lo digo, además, desde una implicación directa en el proceso. Yo mismo fui candidato a esta plaza. Mi currículo está a disposición de quien quiera valorarlo».
Actas do concurso
Dende o colectivo cultural compostelán Vegliota, moi activo na súa crítica desde o inicio do proceso para funcionarizar a praza de dirección do CGAC, que xa reuniu más de 1.500 sinaturas de apoio á súa campaña en contra, e comprometido na acción da plataforma #SÓSCGAC, reclaman que se fagan públicas as actas con baremos e valoracións sobre os nove candidatos do tribunal que elixiu a Eva López Tarrío. En medios artísticos galegos e nos grupos da oposición parlamentar (BNG e PSOE) hai quen empeza xa a esixir responsabilidades políticas polo que describen como dedazo e nepotismo.
Polo de agora as únicas que dimitiron foron Silvia García, Agar Ledo e Cecilia Pereira, que abandonaron o consello consultivo do CGAC polo seu rexeitamento á deriva que tomaban as decisións da Consellería de Cultura. Neste comité só quedan agora Antón Castro e Celestino García Braña.