Ángel Suanzes gañou o premio á mellor curta de non ficción en Cans cunha película na que a viaxe de noivos dos seus pais é o pretexto para falar de memoria, xénero e cambio social
24 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Viaje de novios». Dun cartafol abrollaron un día de mudanza anacos do pasado: facturas de hoteis, de restaurantes, planos e mapas dun itinerario (Ourense, Vigo, Zamora, Ávila, Salamanca, Toledo, Valencia, Cataluña, Logroño, Burgos, Valladolid...) con destino, se cadra, a unha vida xa disposta. Ángel Suanzes (Ferrol, 1976) decatouse de que nunca preguntara por que os seus pais fixeran aquela viaxe. «O primeiro que pensei foi como se constrúe unha parella». Cavilou no que acontecera dentro do 600 que ocuparon o seu pai e a súa nai en xullo de 1974, despois de casar. O coche nin un cartucho tiña para poñer música. Irían en silencio? Falarían? De que fala unha parella que casa logo dun ano de relación? «Empecei a pensar nas similitudes que habería nas construcións de parella que facemos actualmente». Unha pescuda a escala. A Escala un cincuenta mil.
Suanzes vén de gañar co seu primeiro traballo o premio á mello curta de non ficción no Festival de Cans, que habita nas fronteiras, na conversión de escala entre o pasado e o presente, nese espazo gris —ou no ruído branco— entre o que se di e o que se cala, nos baleiros da memoria, nas expectativas, no mandato de xénero, no que se amosa e o que queda no interior dos espazos íntimos, como un cuarto de hotel.
O director camiña en Escala un cincuenta mil por ese territorio entre a realidade e o imaxinado que é a non ficción, percorrendo de xeito paralelo os baleiros da memoria, a transición de muller solteira a casada que puido ser, e o que foi, o itinerario real da lúa de mel dos seus pais. «Son datos obxectivos os sitios nos que estiveron, pero non o resto. Isto é un intento de achegarse desde unha mirada de agora ao que puido pasar, ao que se lembra que pasou», porque a memoria sedimenta, fixa algunhas cousas e desbota outras, para compoñer as lembranzas.
A película visita os cuartos de hotel nos que estiveron, como o de Vigo, un establecemento que daquela miraba para a piscina e hoxe mira ás Cíes e que contén ao mesmo tempo a historia dunha parella e dun país en transformación política, social e tamén inmobiliaria. No 74 Franco ingresa no hospital por vez primeira e goberna Juan Carlos. Unha parella transitoria viaxando por unha España provisional.
Vanse entretecendo nas imaxes conversas telefónicas sen interlocutor, a voz imaxinada da súa nai falando con alguén ao outro lado da liña. Un convite, dende os silencios, a achegarse á propia historia, a visitar as imposicións sociais que atravesan a cada individuao, a cada muller. O que non se quere —ou non se pode— falar. «As películas teñen que deixar espazo para que a audiencia poida chegar á súa propia vivencia», di Suanzes.
A viaxe real, no fondo, non é física, senón íntima, persoal, e polo tanto, política. Unha escala cartográfica que permite a cada persoa reflexionar sobre como se constrúen as relacións de parella, sobre canto de quen es está apontoado no silencio, sobre se realmente cambiaron tanto as cousas entre os 70 e hoxe. Se, se cadra, as mulleres continúan aturando os mesmos mandatos de xénero, se continúan entrando no mesmo hotel e o único que muda é que no canto de mirar cara á piscina, o edificio está orientado a Cíes.
«Esta puido ser a historia dos meus pais». Da súa nai, que cando ve a súa propia foto, pregunta se é ela, ollando para a moza que lle devolve a mirada dende o papel que lle amosa o seu fillo. Aquela moza que non quería xogar ás casiñas. Que sabía que o seu futuro, como esposa, estaba xa escrito. Da «censura que exerce o heteropatriarcado sobre as mulleres, sobre as cousas que se poden falar en voz alta e as que non». Do veo que opaca sempre o discurso. Do río que, malia soterrado, continúa fluíndo. «O mandato de xénero da miña nai é o do silencio».