Anxo M. Lorenzo: «Ao longo dos 30 anos de historia do CGAC sempre houbo lea»
CULTURA
Fronte ás críticas xeralizadas á funcionarización do posto de dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea, o director xeral de Cultura defende a idoneidade da nova responsable, Eva López Tarrío, e tamén que o turismo e o Xacobeo pesen na programación
25 may 2026 . Actualizado a las 21:54 h.Vive o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) intres convulsos. O mundo da arte ergueuse contra a decisión da Xunta de limitar a designación da nova dirección do museo —tras finalizar a etapa de Santiago Olmo— ao ámbito do funcionariado. Reclama que se abra aos especialistas, comisarios e críticos, independentes. O proceso concluíu o mércores coa elección da profesora de ensino secundario Eva López Tarrío (Vigo, 1972), cuestionada polo seu «currículo insuficiente». Dous días despois, unha protesta irrompeu na inauguración da mostra de Misha Bies Golas polo conselleiro de Cultura, José López Campos, e o seu director xeral Anxo M. Lorenzo.
—As críticas veñen de ámbitos moi diversos, a universidade, Belas Artes, xestores culturais, profesores, comisarios, galeristas, artistas… Están todos equivocados?
—Non é cuestión de equivocarse, é unha cuestión de opinión. E o que non é opinable é que determina a lei. E a lei de emprego público de Galicia do 2015 fixa que nestas prazas de centros non autónomos hai que facer a súa cobertura entre funcionarios. Nin podo eu dicir que ten que ser doutra maneira nin un comisario de arte que prefire que sexa entre comisarios.
—Pero hai maneira mellor...
—Con independencia do procedemento, ao longo da historia das diferentes direccións do CGAC, sempre houbo críticas, lea, diversidade de opinións. Agora tamén. Non é máis que un episodio máis en 30 anos de CGAC. Sen ir máis lonxe, cando se fixo a elección de Olmo, cun concurso público, houbo críticas, problemas, houbo disenso na comisión que elixiu. O CGAC, desde a primeira directora, sempre suscitou un debate público importante.
—CGAC é igual a conflito?
—Terano que dicir quen están detrás. Resúltame curioso que estean cuestionando o procedemento do CGAC e, en cambio, non se cuestionen outros museos de Galicia que levan meses sen dirección. Tamén é chocante que non houbese reacción ningunha nestes colectivos cando este sistema de provisión de prazas se usou noutros museos públicos. E no CGAC montan este barullo... Eles saberán.
—Como valora as protestas na mostra de Misha Bies Golas?
—Máximo respecto. A xente foi, en xeral, respectuosa. Protestaron, levantaron as cartolinas, deixaron que se desenvolvese a intervención do conselleiro. Tivemos ocasión de falar co que quixo, porque nese colectivo hai un pouquiño de todo. A disidencia e a crítica son normais, e forman parte da nosa actividade pública. Foi un exercicio democrático. As críticas son sempre interesantes, e tomamos nota, non estamos fóra da realidade dos distintos sectores culturais.
—Pero hoxe corrixiría algo?
—Non. A semana que vén a nova directora toma posesión. Nós, con ela, imos facer un plantexamento de futuro para o centro cos novos retos que van moito máis alá do inmediato e que teñen que ver coa propia identidade do CGAC. Un centro creado hai máis de trinta anos nunhas condicións determinadas e nun contexto social e museístico radicalmente diferente ao actual, ten que actualizar a súa misión, o seu plan.
—Fíxose este proxecto dos museos de costas ao sector?
—Somos un goberno, unha consellería, ámbito de xestión no que temos que responder, actuar, e conforme á lei.
—Poden equivocarse...
—Non sei. O tempo vaino dicir. O que lle pido á comunidade artística é que lle dea tempo á directora. E, si, despois, a partir das súas decisións, criticar, mudar a opinión ou o que fose. Este movemento, cando nin chegou a asinar o contrato, é excesivo.
—Cre que Eva López está preparada para dirixir o CGAC?
—Por suposto que si. Das nove candidaturas que concorreron, foi a que nos pareceu, con diferenza, a mellor capacitada para levar este barco.
—Que pensa dos que din que ese currículo é insuficiente?
—Dubido que coñezan aos outros oito. Todo é opinable. Pero visto o visto, visto o proxecto que presentou e como o traballou, era a persoa.
—Ten a consellería sobre a mesa a posibilidade de crear unha dirección artística paralela, que reforce o seu labor.
—Ao fío do que comentaba sobre actualizar a misión e a identidade do centro, pódense poñer sobre a mesa diferentes opcións. E eu non me pecharía a esa nin a ningunha outra. Estamos en plena reelaboración da relación de postos de traballo da consellería. E aí hai reflexións que facer e analizar necesidades, que ben poderían derivar nun reforzo do equipo humano que traballa no CGAC.
—Non é perigoso introducir o Xacobeo como guía do CGAC?
—[Ri] O Xacobeo é unha realidade que está aí. No 2027 e no 2032. E o CGAC cando houbo Xacobeo sempre estivo polo medio. No bienio 21-22 fixo tres exposicións colectivas arredor do camiño e unha individual de Hamish Fulton, un creador de primeiro nivel. Mencionas a palabra Xacobeo e hai sectores da cultura, da sociedade e de certos ámbitos políticos de Galicia que se poñen nerviosos. Creo que iso responde só ás súas debilidades e a súa incapacidade para entender o Xacobeo como un fenómeno vertebrador a todos os niveis, da economía, da sociedade e da política. E, si, o CGAC, está preparando xa algún proxecto especial pensado especificamente para o Xacobeo 2027. Un ano en que Galicia vai recibir unha cantidade enorme de visitantes vinculados a esa celebración. Que sentido ten quitarlle importancia a ese feito cando falamos do futuro inmediato do CGAC? Igual que se está a preparar xa o ano xacobeo no resto de dispositivos culturais que ten a consellería.
—Que o turismo condicione a programación dun museo de arte contemporánea…
—O turismo é unha realidade. E nestes últimos anos foi incrementando o seu peso na economía de Galicia. Polo tanto as celebracións que moven moitos turistas condicionan a programación de actividades. Como é importante a necesaria internacionalización dos nosos artistas e comisarios. Na reformulación da misión e a identidade do CGAC, iso é un elemento de reflexión de cara a converter o museo nesa panca de proxección exterior. E prepararse para unha data en que Galicia vai recibir visitantes non parece cousa estraña nin oportunista. Que problema ten o turismo cultural? Parte importante dos visitantes que chegan a Galicia teñen unha motivación cultural. Por que non deseñar programacións específicas pensando neses turistas? Iso non vai alterar o ADN do CGAC.
—O CGAC está morto, ou na UCI. Négueo vostede.
—[Ri]. Pero como vai estar morto o CGAC, sendo dos tres centros museísticos máis importantes que hai en Galicia en canto a orzamento, persoal, funcionamento, actividades... Quero dicir, o CGAC non é o museo da catedral de Santiago, que ten 300.000 visitantes ao ano. Pero a nivel de programación, de centralidade no panorama artístico contemporáneo, no apoio aos artistas e comisarios galegos, non hai museo tan importante en Galicia. Por non falar da súa colección de arte pública, que, xunto coa do Museo de Pontevedra e a do Parlamento, é a máis importante que ten Galicia. Como vai estar morto? Se o CGAC está morto, que diremos do resto do panorama de case un centenar de museos que temos rexistrados no censo de Galicia. Hai moita hipérbole en todo isto, moita esaxeración, moito catastrofismo. Que cada un nos seus discursos e intervencións terá que posicionarse e xustificar o que está dicindo ou o que está querendo dicir.
—Se non está morto, non pon todo isto en risco o prestixio tan lenta e traballosamente construído?
—Non, non vexo absolutamente risco ningún. O CGAC está sempre posicionado entre os cinco mellores proxectos culturais de Galicia no informe da Fundación Contemporánea. E o ano pasado ocupou o primeiro lugar. E menos risco corre aínda cando ten o soporte da Consellería de Cultura detrás e non necesitamos ter outros fondos, outros orzamentos complementarios de ningunha outra Administración para que o CGAC continúe funcionando.
—E ese empeño en coordinarse co Gaiás non pode acabar conducindo ao CGAC a converterse nunha especie de franquicia, de instalación subsidiaria?
—O Gaiás ten o seu plan estratéxico, a súa liña de actuación. E o CGAC, a súa propia folla de ruta. O que comparten o Gaiás e o CGAC é que dependen e están xestionados pola Xunta. Máis alá diso, e de colaboracións que poida haber, teñen personalidade propia. Cando se cumpriu no 2023 o 30.º aniversario do CGAC houbo unha exposición conxunta con dúas sedes para mostrar na Cidade da Cultura obras que pola súa envergadura, pola súa dimensión, era moi complicado poder montar, producir e mostrar no propio CGAC. Colaboración sempre vai haber, agora ben cada equipamento ten a súa folla de ruta e a súa programación.
—A consellería ten un interese especial en controlar o CGAC? Quere unha dirección maleable?
—[Ri] O que nos interesa é que funcione ben, que cumpra a súa misión, a súa función, que actualice esa misión e a súa identidade e que sirva como plataforma de difusión da arte contemporánea, dos artistas galegos, e tamén que mostre proxectos de artistas foráneos, que doutra maneira sería difícil, e se é posible ademais que dialoguen esa proposta de fóra coas de artistas galegos. E que sexa unha panca para as galerías e os artistas. Somos unha das poucas institucións públicas de Galicia que temos un orzamento de compras —agora mesmo, por importe de 200.000 euros— que investimos cada ano. Iso permítenos alimentar e completar a colección, como tamén coas doazóns que veñen aparelladas. O noso interese é o CGAC en si mesmo, non un interese vinculado a nada en particular. Queremos que o CGAC sexa un instrumento útil para a comunidade artística, os artistas e os comisarios.
—E que pasa coa posibilidade da fundación? Coa idea dun padroado que representa a pluralidade da sociedade, que garanta a independencia, con poder de gobernanza máis alá do puramente consultivo. Que problema ten con iso a consellería? É que non lle ve vantaxes?
—Vantaxe, ningunha. Na consellería temos agora unha axencia e tres fundacións públicas. Supoñen esas estruturas externas unha mellora en canto á súa independencia? Eu, francamente, creo que non. Simplemente é outra forma de administrar e xestionar eses proxectos. A creación dun ente instrumental ten que ser valorado e autorizado pola Xunta. Agora, a nivel de independencia, a nivel de mellor xestión, non habería ningún tipo de diferenza. Nós, polo menos, non o percibimos así. Alén de que se nos autorizase ou non a creación dunha fundación ou dunha axencia para a xestión do CGAC, eu creo que hai que ser moi realistas: sería un ente instrumental da Xunta. Eses medos que algúns expresan de falta de independencia non son fundamentados. Os directores responsables dos centros teñen a independencia de propoñer, de xestionar, de ter unha administración dun proxecto cultural e artístico coherente. E o feito de que sexa un ente xurídico dun tipo ou doutro non lle vexo que teña maior relevancia para ese tipo de dúbidas que se poidan suscitar.
—A fundación non acabaría coas críticas?
—Eu témome que non. Para nada. Habería outras.