A catedrática de ensino secundario Eva López Tarrío, nova directora do CGAC

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Nomeamento aínda pendente de publicación no DOG. A Consellería de Cultura elixiu á profesora e escultora Eva López Tarrío (Vigo, 1972) para o posto de dirección do CGAC, un nomeamento que en breve aparecerá publicado no DOG. Na imaxe, cando desempeñaba o cargo de directora do vigués IES Valadadres.
Nomeamento aínda pendente de publicación no DOG. A Consellería de Cultura elixiu á profesora e escultora Eva López Tarrío (Vigo, 1972) para o posto de dirección do CGAC, un nomeamento que en breve aparecerá publicado no DOG. Na imaxe, cando desempeñaba o cargo de directora do vigués IES Valadadres. M. Moralejo

Doutora en Belas Artes, a profesora achega «unha sólida traxectoria en proxectos culturais e educativos, á vez que en xestión institucional», enxalza a Xunta

25 may 2026 . Actualizado a las 21:54 h.

Fin a un proceso tortuoso. Xa hai ditame no polémico concurso para cubrir o posto de dirección do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) posto en marcha o pasado 8 de abril coa publicación das bases que confirmaban o propósito da Xunta de levar a máxima responsabilidade do museo ao ámbito do funcionariado. Creadores, galeristas, marchantes, críticos, comisarios, asociacións do ramo, universidades, historiadores da arte... amosaron o seu rexeitamento ao concurso e esixiron que a praza seguise sendo considerada de alta dirección e, por tanto, aberta a profesionais e especialistas independentes, pero o clamor do sector non achou eco ningún no Goberno autónomo, que se mantivo firme na súa idea de funcionarización, fixando os límites da escolla no terreo da Administración pública de arquivos e museos e o ensino secundario e universitario vinculado ás belas artes e a historia da arte. A Consellería de Cultura —convencida de que nese nicho sobra o talento e a preparación— informou de que a candidatura da profesora e escultora viguesa Eva López Tarrío, doutora en Belas Artes e catedrática de ensino secundario, se impuxo entre as nove presentadas, nunha designación resolta por un tribunal «baixo criterios de transparencia, mérito e capacidade». Así o fixo saber na tarde deste mércores, nunha comunicación na que anotaba que o nomeamento está aínda pendente da súa publicación no DOG (Diario Oficial de Galicia) nos vindeiros días.

A Xunta pon remedio así á vacante que deixou o director saínte, Santiago Olmo, que estivo á fronte da institución durante os últimos dez anos. A proposta de López Tarrío gañou esta convocatoria a unha praza de libre designación entre persoal funcionario de carreira porque, entre outras razóns, «conta cunha sólida traxectoria en proxectos culturais e educativos —enxalza a consellería—, á vez que en xestión institucional». Ademais da traxectoria, foi avaliado o seu deseño de proxecto para a xestión do centro compostelán.

Eva López Tarrío (Vigo, 1972), subliña a consellería, posúe unha «experiencia contrastada en liderado de equipos, planificación estratéxica, innovación educativa e coordinación institucional, ademais dunha ampla actividade paralela no eido artístico e curatorial, desenvolvendo tarefas de comisariado, produción e difusión da arte contemporánea. Cómpre apuntar, nesta liña, que a súa propia obra artística ten sido obxecto de exposicións individuais e colectivas».

O Xacobeo 2027 e o Gaiás

Ante a próxima celebración do Xacobeo 2027, anota a Xunta, Eva López Tarrío deberá dirixir a liña programática do CGAC «a esta cita cultural que esperta un grande interese e conta cunha relevante difusión internacional». Para lograr iso, engade, «apostará por novas alianzas e tamén as reforzará e ampliará con outras institucións museísticas, como o Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura, referente en Santiago de Compostela, en particular, e en toda Galicia, en xeral».

«Síntome moi feliz con esta nova responsabilidade e xa teño gana de comezar o labor»

«Estou moi ilusionada», confesaba onte Eva López Tarrío, nada máis facerse público que gañara o concurso para prover o posto de dirección do CGAC. «Síntome moi feliz con esta nova responsabilidade que asumirei e xa teño moita gana de comezar o labor», incidía para explicar que se presentara á convocatoria con moitas esperanzas de que a súa proposta saíse adiante, aínda que admitía que non se facía unha idea de quen concorrería e con quen competiría. Sobre o proxecto museográfico que deseñou para o concurso e cal é a súa filosofía para gobernar o CGAC, López preferiu non pronunciarse en público ata que o nomeamento sexa efectivo e se teña reunido cos responsables da consellería e o equipo co que traballará. Non semellaba preocupada polo ambiente de reprobación —nos medios artísticos galegos e españois— ao proceso de selección do que saíu elixida e que terá que endereitar.

O seu principal obxectivo, lembra a consellería, sitúase en converter o CGAC no «centro artístico de referencia do eixo atlántico europeo». Coa súa designación, avanza, procúrase «un maior impulso da programación internacional, ampliando as colaboracións con outras institucións, e darlle máis espazo e proxección á creación dos artistas galegos».