Manuel Esteban: «Reler o libro para a nova edición reconcilioume con todos estes anos»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Manuel Esteban xa ten practicamente rematada a cuarta entrega protagonizada polo policía Carlos Manso.
Manuel Esteban xa ten practicamente rematada a cuarta entrega protagonizada polo policía Carlos Manso. Óscar Vázquez

O escritor vigués salta ao idioma castelán coas súas primeira e segunda novela, «A ira dos mansos» e «O meu nome é Ninguén», que a editorial NdeNovela recolle nun só volume

15 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras dez anos de éxitos na literatura galega, Manuel Esteban (Vigo, 1971) publica por vez primeira en castelán. Faino na editorial NdeNovela con La ira de los mansos, título que inclúe os seus dous primeiros libros publicados en galego por Edicións Xerais, A ira dos mansos e O meu nome é Ninguén. Aquel primeiro libro naceu da necesidade que Manuel Esteban tiña de falar das persoas con síndrome de Down, como o seu fillo.

—Cando gañou o premio Xerais con «A ira dos mansos», no ano 2016, dicía que non era escritor e que non sabía se escribiría outro libro. Moito cambiou o conto.

—Custoume tres ou catros libros aceptar que son escritor. Agora, non me queda máis remedio que apandar co epíteto. Ademais, a estas alturas xa escribo por vicio.

—Porque o seu primeiro libro foi produto dunha necesidade?

—Si, non tiña conciencia de que estaba a escribir un libro; era unha terapia que xa contei moitas veces. Por iso, colleume por sorpresa o feito de que se publicase e que gañase un premio. Agora xa non, xa escribo porque é divertido escribir. Creo que si, agora podo dicir que son escritor e xa non me resulta incómodo.

—Como enfronta abrirse ao horizonte do idioma castelán?

—Con ilusión. Saír vaille permitir ao libro seguir rodando unha temporadiña máis. Faime moitísima ilusión porque sei a que lectores pode chegar. Axudar é unha palabra moi grosa, porque nestas cousas un axúdase a si mesmo, pero axuda a axudalos. Tamén me dá moito medo. Eu escribín A ira dos mansos ambientada en Vigo sen pensar que nunca sairía dese ámbito e, de súpeto, chegou ao resto de Galicia. Supoño que isto será un pouco o mesmo. Ao final todos somos moi semellantes.

—Como atopou a novela dez anos despois?

—Non son moi dado a ler os meus libros unha vez publicados. É un pouco raro enfrontarse ao que un escribiu, e máis cando pasaron dez anos, porque co paso do tempo un muda e xa non se recoñece no que escribiu. É un libro que me segue a producir moitísima tenrura; eu recoñezo ao Manuel que escribiu aquel libro e relelo para a nova edición reconcilioume con todos estes anos; meu fillo medrou e xa traballa, é unha persoa completamente diferente da que eu tiña en mente cando escribín o libro. Foi coma abrir un pequeno álbum de fotos vellas doutra época na que, aínda que non o sabiamos, eramos máis felices.

—O seu fillo coñece este libro?

—Si, lémolo xuntos. Igual non é capaz de apreciar certos matices, pero si sabe de que vai, e acompañoume a unha chea de presentacións por toda Galicia e agora, por suposto, vai ir na mansoneta acompañándome, faille moitísima ilusión.

—O acordo coa editorial NdeNovela contempla a tradución da triloxía do inspector Manso?

—Nesta primeira publicación é un volume no que se recollen as dúas primeiras novelas, é dicir, A ira dos mansos e O meu nome é Ninguén. A idea, se vai ben, é publicar o terceiro, A vinganza dos homes bos.

—Está xubilado Carlos Manso ou quédanlle casos que encarar?

—Vai volver. Manso é un personaxe moi atormentado e, como escribo en primeira persoa, obrígame moito a meterme no personaxe e é esgotador. Por iso, despois do terceiro libro, púxeno en barbeito, pero é o personaxe que máis me reclama o lectorado e tiven que recuncar nel. Así que teño practicamente rematado un cuarto Manso, e agarda que pase toda esta voráxine.

—Custoulle traducir o seu humor retranqueiro?

—Iso foi o que máis me custou. Non quería perder esa retranca de Manso; non sei se humor galego é a mellor expresión, pero si esa forma de mirar o mundo e de protexerse do mundo a través do humor. Foi o que máis me custou, aínda que tamén penso que hai retranca máis alá do Padornelo e penso que se pode entender, aínda que foi o máis delicado.

—Que opina da etiqueta «Galician noir»?

—É marca de calidade. Eu nacín a rebufo de autores como Domingo Villar e Pedro Feijoo, de xente que entendeu que en galego e en Galicia podíase escribir calquera tipo de xénero. É un xénero que pasou de ser menor e visto con certo descrédito, a uparse nas últimas décadas con toda a novela negra social. Converteuse nun xénero que, malia ser un xénero de vendas e de entretemento, permite levantar acta das cousas que non nos gustan da sociedade. Ser un máis desa tropa do noir galego paréceme estupendo.

—Como vai compaxinar todas estas novidades literarias coa súa vida laboral?

—Pedín un permiso sen soldo para dedicarme todo o tempo á literatura. Agora teño un pouco máis de tempo para escribir, pero tamén para preparar a promoción da publicación en castelán; só ata xuño teño varias ducias de actos organizados. Decidín coller un permiso porque chegou un momento en que non era capaz de atender todos os compromisos. É unha aventura, pero hai que probar porque este tren só pasa unha vez; ata onde chegue, non pasa nada. Levo dez anos compatibilizando atender unha casa, ter dous fillos, traballar e, pola noites, poñer o traxe de Batman e escribir.