O Consello da Cultura edita un facsímile de «O libro das amigas»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Uxía, Amanda Álvarez, Rosario Álvarez, Beatriz Caamaño e Concha de la Fuente na presentación do facsímile
Uxía, Amanda Álvarez, Rosario Álvarez, Beatriz Caamaño e Concha de la Fuente na presentación do facsímile

Recolle a homenaxe que, a través da publicación lle fixeron no 2015 dúas ducias de mulleres a Begoña Caamaño

08 may 2026 . Actualizado a las 18:48 h.

«Que persoa tes que ser para suscitar todo isto». Begoña. E, en resposta á reflexión da presidenta do Consello da Cultura Galega, Amanda Álvarez comeza a rememorar como a creba, a dor e a escuridade quedaron acurrunchadas pola luminosa ausencia de Begoña Caamaño. Toma Uxía entón emprestado o poema de Ana Romaní Nas casas das amigas e de súpeto, o géyser volve quecer as almas. máis de dez anos despois de que rebentara o chafariz en dous actos de homenaxe e un libro. O Consello da Cultura vén de editar un facsímile d’O libro das amigas, unha publicación que nove mulleres afoutas, unha familia de afecto e non de sangue, decidiron editar tralo falecemento prematuro de Begoña Caamaño. Sen editorial e sen distribuidora, con todo o amor que aínda quedaba no interior do volcán e que abrolla de cada páxina, de cada imaxe e cada texto que compuxeron dúas ducias de mulleres arredor da súa morgana. Cincocentos exemplares impresos en Tórculo. «Tardamos un pouco, pero pagamos todo», lembraba Álvarez.

«Non é a voz de Begoña a que contén o libro» pero si é o reflexo dela nas palabras das súas amigas. Unha «perla, unha xoia inesperadamente demandada e querida por un público que lamentou non ter acceso a el», dicía María Xosé Porteiro.

«Morres Bego, si. Morres pero non te vas», escribía Bea Caamaño aquel 27 de outubro do 2014. Abofé. Permanecen as súas palabras, o seu pensamento, a súa coherencia. «Bego quería transmitir mensaxes e creo que este ano estase conseguindo, sobre todo para a mocidade», afirmaba Amanda Álvarez durante a presentación do facsímile, na que tamén estivo presente a voz da protagonista do Día das Letras Galegas: «É o tempo do feminismo: da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e, por que non?, da felicidade».

Se estivera mirando dende algún lugar, de seguro Begoña Caamaño estaría feliz de ver a súa familia, as súas morganas, celebrar. Volver brindar por ela como lles encargou na súa derradeira carta a Uxía, a que pecha O libro das amigas.

Se non tivera marchado tan cedo, «estaría moi apenada por todo o que está pasando, polo avance da ultradereita, pola involución, polas guerras, por un montón de cousas, pero estaría en primeira liña, en primeira liña loitando polos medios públicos galegos e en cada iniciativa feminista», aseguraba Amanda Álvarez.

«Un cacho de cada unha está aquí», afirmaba Concha de la Fuente sobre a homenaxe Begoñisima e o libro. «E dende ese cachiño eu tamén digo grazas a Begoña por tanto que nos deu e por tanto que nos dá». E lembrala, como a lembra Uxía, berrando cada día «Ghuapa, lista e feminista!».