57 proxectos clasifícanse para a gala final do día 27 no Pazo da Cultura de Pontevedra
07 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Do rock ao folk, das verbenas aos proxectos de difusión. A décimo terceira gala de finalistas dos Premios Martín Códax da Música volveu demostrar este mércores a saúde de ferro da escena musical galega con quince categorías que abrazan todos os estilos imaxinables. Ademais, hai un premio ao artista emerxente e outro, Organistrum, ideado para a difusión, as salas e os festivais. Nesta ocasión, Músicas ao Vivo, a asociación que organiza o certame xunto á adega, puxo o foco na música de raíz, homenaxeando o patrimonio inmaterial que define Galicia.
A festa de presentación tivo lugar na sede da bodega arousá en Cambados, onde se reuniron os 57 proxectos escollidos por un tribunal profesional formado pola pianista e investigadora María Domínguez, a artista Blanca Pereira, o guitarrista da banda Brutal, Isidoro Otero, o xornalista Luis Pardo, e a xestora cultural Marta Horjales. Aínda queda un longo camiño para a escolla dos 19 galardoados, no que o público xogará un papel determinante coas súas votacións. Estas ficarán abertas dende hoxe e ata o día 24 na web do concurso. A final celebrarase o 27 maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O abanico de estilos é amplo, porque vasta é tamén a propia capacidade de creación dos artistas, que reflicten un ecosistema sonoro moi lonxe de tocar teito.
As distintas categorías
Así, a categoría metal e heavy estará representada polos grupos Irko, Keepers e Talensien. A de blues, funk e soul por Sabela Cereijo, Allo Negro e Guilherme Zapata. A de rock e punk por Loita Amada, Broken Peach e Stoned at Pompeii. Na beira electrónica pasan á final Galician Army, Kike Varela e Løch. En música urbana fixeron o propio Hugo Guezeta, Habló Pablo e Lumedollop. No caso das orquestras, foron Lamatumbá, Orquestra Bravú Xangai e La Fórmula.
Na música clásica e contemporánea, Alejo Amoedo, Ensemble Alletamento e María Mendoza. No jazz e improvisación destacaron Xan Campos «Amorodios», María Toro e Manuel Cebrián-punctum. En pop e indie, Nadadora, Montedapena e Michu da Rocha. Na área de músicas do mundo e mestizaxe, Lidia India, Marta Vidal e Abril Fado.
Paco Nogueiras, Ollo Piollo e Golfiños son quen pasan á final como creadores de música infantil; así como Abril, Alana e Guezos na categoría de folk. En canto á música tradicional propiamente, van á final os grupos Unto Vello, Donicelas e Carapaus. Tamén se medirán as caras a Banda de Música Municipal de Celanova, a Banda da Escola Municipal de Música de Oleiros e Banda de Música Xuvenil de Torroso na categoría homónima.
Como mellor canción de autor figuran Antía Muiño, Sangre de Muérdago e Zeltia Irevire. E como artistas emerxentes, o xurado valorou positivamente a Raze, Lula Mora e Apolo18.
Organistrum posúe tres vertentes: comunicación e difusión musical (Galicia En Concierto, A Canle De Rodri Míguez e Fogar dos Festivais), salas (Capitol, La Fábrica de Chocolate e Krazzy Kray!) e festivais (Arteficial, Surfing the Lerez e Festival Alternativo Millo Verde). O premio honorífico darase a coñecer proximamente .