Daquela aborrecible educación nacionalcatólica coa que o franquismo atormentou varias xeracións de españois, lembro con especial aversión o aprecio que o réxime tiña polas efemérides. Ao pouco de iniciar cada curso, o profe de Formación del Espíritu Nacional (disciplina reservada a docentes normalmente malhumorados, empedernidos fumadores e dipsómanos incorrixibles) relatábanos, como efeméride estrela de outubro, o discurso de José Antonio no Teatro da Comedia, acto fundacional da maligna abominación chamada Falange Española. Máis alegría, se algunha había, traía a de maio, que a Igrexa consagraba á Virxe: «Venid y vamos todos con flores a María», e alí iamos os nenos á igrexa como papaleisóns a facerlles a rosca a curas e catequistas. Porén, hai un maio que gardo nun recanto feliz da memoria. É unha historia curtiña. En 1970, sendo meu pai alcalde da Estrada, o Día das Letras dedicouse ao meu paisano, da freguesía de Berres, novelista, lexicógrafo e fidalgo, Marcial Valladares. A Universidade de Santiago sumouse ao evento publicando, por vez primeira, un traballo consagrado ao autor, neste caso un brevísimo folleto titulado O señor de Vilancosta, que asinaba Ricardo Carballo Calero. Pois, ben, dende entón a USC non faltou a unha soa cita o 17 de maio, publicando, dende aquel 1970, 55 volumes, parte dos cales editei directamente, feito do que, descúlpeme vostede a vaidade, sinto especial orgullo. Daquel luminoso domingo de 1970 lembro o acto na alameda da vila, a bandeira branquiazul cubrindo un monólito de pedra e a Álvaro Cunqueiro exclamando entusiasmado que no menú servido aos membros da Academia había salmón.
O próximo 17 de maio tamén será domingo e, no entanto, Juanma Moreno Bonilla estará encomendándose á Virxe da Macarena, no país lembraremos unha muller nova, fermosa e intelixente, batalladora en frontes xornalísticas, estéticas, literarias e políticas, a quen a Parca arrebatou na flor da existencia. O libro deste ano, baixo a coordinación da tamén paisana —de Berres, xa é coincidencia— Chus Nogueira, titúlase Begoña Caamaño: mudar o mundo. Mágoa que a autora non poida velo. Creo que lle gustaría.