Celebración dos Maios na praza do monasterio de Poio.
Celebración dos Maios na praza do monasterio de Poio. SERGIO SUEIRO

05 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O 30 de abril, xusto no solpor, o calendario celta abre de par en par as portas ao Beltaine, o tempo da luz. Coa súa chegada, deixamos atrás a longa e húmida invernía para abrazar o renacer da vida. Nesta etapa de tránsito, o lume pasa a ser o gran protagonista ritual, actuando como elemento divino de purificación e limpeza. Non é un lume destrutor, senón un lume que prepara a terra e as almas para a fertilidade do verán que asoma no horizonte. Este tempo está encomendado ao deus Belenos, cuxo nome significa «o resplandecente», unha divindade solar que guía este ciclo de calor e expansión. En toda a Europa de herdanza celta, as fogueiras de Beltaine acendíanse para protexer o gando e asegurar a prosperidade das colleitas; unha tradición que en Galicia atopou un eco profundo e senlleiro, mimetizándose coas nosas propias crenzas sobre o poder da natureza. Na nosa terra, este espírito latexa con forza a través da celebración dos Maios.

Son moitos os lugares —como Ourense, Pontevedra, Lorenzá ou Vilagarcía de Arousa— onde esta festa permaneceu viva, conservando unha estética espectacular. Un dos costumes máis fermosos e arraigados é o corte da ramiña de xesta na tarde-noite do 30 de abril para colocala en portas, fiestras, carros, etc, funcionando como un escudo protector contra os males e como un xeito de bendicir o fogar coa forza da primavera. Lembro algunhas danzas como as de fitas que algunhas veces interpretei. A música flúe ao son da gaita mentres os bailadores e as bailadoras van entretecendo o pao de maio coas coloridas fitas nunha harmonía engaiolante. Trátase dunha antiga danza ritual que simboliza a unión da comunidade e o ciclo da vida que se enreda e desenreda constantemente. Darlle a benvida a esta festa anual é moito máis que celebrar o bo tempo; é un exercicio necesario de memoria colectiva. A chegada da luz márcanos un novo ciclo que nos lembra que somos herdeiros dun mundo antigo, un fío invisible que nos une á terra. Aínda que os séculos pasen e o mundo cambie, seguimos conservando esas esencias que nos conectan coa natureza. Que a luz de Belenos nos guíe nesta nova etapa. Feliz Beltaine e que vivan os Maios!