A tía Remedios

CULTURA

Cunqueiro, con parentes seus en Riotorto, terra presente en «Merlín e familia».
Cunqueiro, con parentes seus en Riotorto, terra presente en «Merlín e familia». ARQUIVO RIOTORTO NO TEMPO

Descubrín a literatura do ciclo artúrico como extensión lóxica do meu interese pola cultura celta e as nosas raíces atlánticas. Sentinme cativado por ese limiar difuso onde a crónica histórica se funde coa fantasía. A maxia de Camelot, as brétemas de Tintagel e a sabedoría de Merlín conformaban un universo que me resultaba estrañamente familiar. Ao estudar un pouco a denominada materia de Bretaña, puiden entender algo da pegada que ese ciclo deixou na nosa lírica, e sempre sentín un fondo orgullo ao ver como grandes autores galegos souberon adaptar e revivir estes mitos con voz propia. Porén, alén dos libros e os estudos académicos, o que gardo no máis fondo da miña memoria coma un tesouro é a orixe primeira de todo este asombro. Refírome ao privilexio de ter escoitado estas historias de viva voz, na boca da miña tía avoa, Remedios de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo, Ourense). Ela foi a miña conexión directa co pasado; as súas verbas eran o vehículo dunha transmisión oral que se me cravou na alma para non esquecer xamais. Sendo un neno, a tía Remedios tecía un mundo onde o rei Artur convivía con naturalidade coas nosas mouras e mouros, e onde as cidades asolagadas —como a mítica Antioquía— emerxían das profundidades na súa narrativa. Era unha muller excepcional: lida e de fe profunda, capaz de manter un equilibrio milagroso entre o saber enciclopédico, a tradición popular e a relixiosidade máis fervente. Esa síntese de coñecementos fluía nela con total harmonía. A miña única mágoa é que, por aquel entón, a miña curta idade non me permitía calibrar a magnitude do legado que me estaba entregando. Non tiña a madurez necesaria para facer as preguntas adecuadas, nin existían os medios técnicos que hoxe levamos no peto para gravar aquel torrente de sabedoría. Cos anos, logrei polo menos rescatar un anaco dese fío ao gravar á miña nai falándome de Artur e, sobre todo, do dito tan estendido naquelas terras: «Sabe máis ca Merlín». É fascinante pensar como o nome do mago perdurou nos séculos grazas ao pobo, por xente que xa non sabía quen era aquel antigo sabio pero que mantiña vivo o mito. Eu souben certamente que a tía Remedios coñecía a Merlín, porque ela, co seu misterio, formaba parte dese mesmo mundo.