O filme «Fomos ficando sós» vivirá no Play-Doc a súa estrea galega tras gañar en Navarra o premio da xuventude
CULTURA
Adrián Canoura combina arquivo familiar -as cintas que gravara o seu pai, e que gardaba no faiado-, formatos dixitais e experimentación plástica nun relato de marcado carácter poético
27 abr 2026 . Actualizado a las 22:30 h.O filme documental Fomos ficando sós vivirá a súa estrea galega no 22.º Festival Internacional de Cinema de Tui Play-Doc (do 29 de abril ao 3 de maio), onde competirá na sección Galicia. A proxección terá lugar o próximo venres 1 de maio ás 21.30 horas na sala 2 do Seminario Menor tudense. Alí chegará a primeira longametraxe do cineasta lucense Adrián Canoura (Burela, 1991) despois de que fora recoñecida co premio da xuventude á mellor película no Festival Internacional de Cinema Documental de Navarra Punto de Vista. Pouco antes celebrou a súa estrea mundial no IDFA (Festival Internacional de Cinema Documental de Amsterdam).
A competición Galicia de Play-Doc reúne unha selección de obras que reflicten a diversidade formal e temática do cinema galego contemporáneo, cunha aposta por propostas que transitan entre o ensaio, a non ficción e os formatos híbridos. Neste contexto, Fomos ficando sós —que toma o seu título do poema de Manuel Antonio Sós: «Fomos ficando sós / o Mar o barco e mais nós»— inscríbese como unha obra que conecta o íntimo co colectivo, a memoria persoal co territorio, subliña a produtora Zeitun Films, detrás deste arriscado traballo co que debuta un realizador que fixo varias curtas e unha mediametraxe e que ten colaborado con outros artistas como o cineasta Oliver Laxe e o músico Baiuca. A película constrúe unha travesía emocional entre o propio Canoura e o seu pai, Raúl Canoura, a bordo do barco pesqueiro Raúl Primeiro rumbo ao Gran Sol. A partir desta experiencia compartida, o filme explora o vínculo entre xeracións, a soidade e a memoria, combinando arquivo familiar —as cintas que gravara o seu pai, e que gardaba no faiado—, formatos dixitais e experimentación plástica nun relato de marcado carácter poético, como avanza a produtora.
O propio Canoura explica a orixe do proxecto nun descubrimento persoal: «Dende que atopei o material gravado polo meu pai, algo empezou a arder dentro de min. Sentía a necesidade urxente de volver a esas imaxes, de vivilas en carne propia para poder contar a súa relación co mar… e tamén a nosa». E esa necesidade acabou materializándose cando xurdiu a oportunidade de embarcarse xunto a el no Gran Sol.