A nova imaxe e da peza pretende «enraízarnos máis no mundo de Rosalía de Castro», adiantan
11 abr 2026 . Actualizado a las 15:00 h.A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) presentaron onte na Casa de Rosalía, en Padrón, os Premios Follas Novas 2026, que convocan conxuntamente co obxectivo de recoñecer a excelencia do traballo editorial realizado en Galicia ao longo do ano 2025.
Ao acto asistiron representantes dos tres colectivos: Cesáreo Sánchez (AELG), Miguel Toval (AGE) e Patricia Porto (FGL), xunto co director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, en representación das tres entidades públicas que patrocinan os premios (Xunta, Deputación de A Coruña e Concello de Santiago), ademais do Centro Español de Dereitos Reprográficos (Cedro).
Tamén asistiu o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o deseñador Pepe Barro, quen explicou o proceso de creación da nova imaxe dos premios. A outra novidade desta edición é o formato de xurado, que elixirá aos gañadores de cada categoría entre corenta escritores, tradutores e ilustradores, xunto con máis de 20 editoriais, que son finalistas dos premios. O fallo coñecerase o 9 de maio na gala de entrega no Teatro Principal de Santiago.
En Padrón, Miguel Toval, presidente da Asociación Galega de Editoras, asegurou que superada a primeira década de existencia dos premios e téndose consolidado como o principal recoñecemento literario no país, «era lóxico que a imaxe e os procedementos do premio se reafirmasen para mellorar de cara ao futuro». Toval engadiu que as novidades deste ano van nesa dirección, tanto «pola decisión e a escolla de cambiar a imaxe dos premios, profundizando na relación con Rosalía de Castro, como nos cambios realizados nas votacións e na ampliación do número de xurados».
Pepe Barro destacou da nova imaxe e da peza dos Premios Follas Novas que a intención é «enraízarnos máis no mundo de Rosalía de Castro». Así, explicou que o emblema e a peza parten da imaxe inicial da folla do loureiro, baixo o que está Rosalía coa súa familia na última fotografía da súa vida.
No acto na Casa de A Matanza, as entidades deron a coñecer os premiados de honra elixidos por cada unha das asociacións. Así, a Federación de Librarías de Galicia elixiu á Libraría Moito Conto de A Coruña; a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ao escritor palestino Basim Al-Khandaqji e a Asociación Galega de Editoras á Editorial Galaxia, que celebra o seu 75.º aniversario.