Begoña Caamaño ou os modos en que os galegos se narran como sociedade

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fotograma do documental de Damián Varela e Alba López «Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul», nun momento da dramatización coa figura de Morgana pola bailarina Elsa Pereira.
Fotograma do documental de Damián Varela e Alba López «Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul», nun momento da dramatización coa figura de Morgana pola bailarina Elsa Pereira. RAG

O documental das Letras Galegas 2026, promovido pola RAG e obra de Damián Varela e Alba López, tece un retrato coral da protagonista do vindeiro 17 de maio

09 abr 2026 . Actualizado a las 23:35 h.

O documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul conforma «unha obra que reafirma o noso compromiso cunha forma de crear e comunicar honesta, crítica e conectada co presente», explican os seus coautores —dirección e guión— Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez, que manexan no filme unha perspectiva que «combina a práctica xornalística das entrevistas e a documentación coa práctica artística da ficción audiovisual e da súa beleza». Replicando o labor e o espírito de Caamaño, o que ambos os dous perseguen coa súa película —como cada ano, promovida pola Real Academia Galega (RAG)— é «activar unha reflexión sobre os modos de narrármonos como sociedade, contribuíndo a través da creación audiovisual a xerar pensamento, memoria e futuro». Como a xornalista e escritora viguesa —homenaxeada no Día das Letras—, eles tamén apostan con firmeza «polo activismo, pola defensa dos medios públicos e por unha literatura universal feita en galego». E é que Caamaño, como di no filme a tamén xornalista, académica, poeta e amiga Ana Romaní, «sabía descifrar moi ben o mundo e o que nos rodea». A RAG estreou onte Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, realizado pola produtora Miramemira e que xa se pode ver na web e na canle de YouTube da Academia. A cinta, detallan fontes da Academia, propón un percorrido pola vida e o legado da escritora homenaxeada o 17 de maio, nunha viaxe guiada a través dos testemuños de persoas que a acompañaron nas súas diversas facetas persoais e profesionais. Destaca, ademais, como parte do relato, a interpretación artística da súa obra literaria, que ten na colaboración da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia un dos esteos cruciais.

As dúas cidades en que Begoña Caamaño (1964-2014) viviu aparecen reconectadas nunha reconstrución da súa traxectoria desde a infancia e a mocidade ata á consolidación como escritora. Desde o Vigo natal, onde medrou nos barrios do Calvario e Coia e se converteu en xornalista, ata Compostela, onde continuou a súa carreira e vida —no barrio de San Pedro— a partir de 1989, cando se incorporou á redacción central da Radio Galega. En Santiago escribiu as súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), froito dun debut tardío, pero maduro e anovador.

Fotograma do documental de Damián Varela e Alba López «Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul», nun momento da dramatización coa figura de Sherezade.
Fotograma do documental de Damián Varela e Alba López «Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul», nun momento da dramatización coa figura de Sherezade. RAG

Revisión feminista dos mitos

A literatura de Caamaño, atravesada pola reinterpretación feminista dos mitos clásicos, dialoga coa memoria íntima e colectiva no retrato coral que van ganduxando, entre outras voces, a súa irmá, Beatriz Caamaño, as súas amigas e compañeiras Maika Aguado, Amanda Álvarez e a académica Ana Romaní; o académico Víctor F. Freixanes, editor das súas dúas novelas; a crítica literaria María Xesús Nogueira, unha das primeiras estudosas da súa obra; e a especialista en Historia Antiga Susana Reboreda, quen constatou o gran dominio que tiña Caamaño dos mitos gregos, subliña a RAG.

Fotogramas do documental de Damián Varela e Alba López «Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul», cunha das entrevistas entre alumnado de ensino secundario de Vigo.
Fotogramas do documental de Damián Varela e Alba López «Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul», cunha das entrevistas entre alumnado de ensino secundario de Vigo. RAG

O documental dálle tamén voz á mocidade en relación cos grandes temas da novelística de Caamaño, o seu exercicio como xornalista comprometida coa honestidade e a defensa da lingua galega e mais o seu activismo. Os IES Castelao e Alexandre Bóveda de Vigo (onde ela estudou), e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC participan así como escenarios de reflexión; mentres que o compostelán CEIP Monte dos Postes acolle o obradoiro de radio co que arrinca o filme.

Cápsulas dramatizadas, videopódcast e «reels»

Na procura do diálogo entre linguaxes artísticas, sinala a RAG, os personaxes de Begoña Caamaño toman corpo e presenza na pantalla en cápsulas dramatizadas rodadas na praia de Barra (Cangas de Morrazo), a fraga de Catasós e a serra do Candán (Lalín). Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez, Alba Rocha, Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez, da ESAD Galicia, interpretan fragmentos de Circe ou o pracer do azul e levan á escena a Sherezade, a narradora das Mil e unha noites, arredor da cal a escritora pretendía pechar a súa triloxía sobre os mitos. E a bailarina Elsa Pereira é quen se converte en Morgana, acompañada pola narración na voz da propia Caamaño nun dos documentos sonoros do arquivo da CRTVG que se integran no filme. «A RAG continúa a aposta polo audiovisual de calidade como forma de achegar as figuras ás que lles dedicamos as Letras a públicos amplos de distintas idades, e de maneira especial ao máis novo. Nesta liña, en breve estrearemos o noso primeiro videopódcast, e temos xa en marcha a serie de reels É o tempo de Begoña Caamaño», relata o presidente da Academia, Henrique Monteagudo.