A Xunta ratifica a funcionarización do posto de dirección do CGAG coa publicación das bases do concurso

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Vista do edificio do museo CGAC, en Santiago.
Vista do edificio do museo CGAC, en Santiago. Paco Rodríguez

O mundo da arte critica que unha convocatoria desa relevancia non estea aberta aos especialistas e comisarios independentes

09 abr 2026 . Actualizado a las 14:57 h.

Non houbo sorpresas. A Xunta confirmou o que xa anunciara, que o proceso de selección para cubrir a vacante deixada por Santiago Olmo —cuxo contrato, que remataba o pasado 2 de abril, non foi renovado— respectaría a legalidade vixente, que dita que un organismo que non sexa autónomo, como o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), dependente da consellería, non pode ter á fronte un cargo cun contrato de alta dirección, como o que vinculaba a Olmo, senón que ten que ser funcionario. Así, a publicación este mércores no DOG pola Consellería de Cultura das bases do concurso corrobora a funcionarización do posto de dirección do CGAG. A convocatoria atense ás características que recolle a nova relación de postos de traballo (RPT) da consellería, pon en marcha un sistema de libre designación e define un prazo para a presentación de solicitudes de 20 días hábiles a contar a partir de este xoves. Poderán concorrer, deste xeito, persoas con praza de funcionario —nas Administracións do Estado e das comunidades autonómicas— tituladas superiores de técnico de museo, e docentes de Historia e de Belas Artes nos eidos universitario e do ensino secundario.

Pese a que estaba advertido o que sería o concurso, a publicación das bases non muda a oposición do mundo da arte, que insiste na necesidade de abrir o proceso a comisarios, investigadores, especialistas e críticos independentes con prestixio recoñecido e experiencia neste campo profesional. Segundo fontes consultadas do sector, é real a ameaza que sinalaba a declaración asinada polos 32 profesores do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago, crítica coa funcionarización do posto, que denunciaba que non garante a súa especialización e ameaza a misión e as funcións do museo.