A gala foi un homenaxe a un referente dos escenarios como o falecido Manuel Lourenzo e recoñeceu a traxectoria exemplar de Luma Gómez
09 abr 2026 . Actualizado a las 12:03 h.«Lembremos, nomeemos, actuemos», ista foi a premisa principal en defensa da preservación do galego, que conta no teatro coa «chave decisiva para a revitalización da fala», na gran noite das artes escénicas de Galicia: a celebración da XXX edición dos premios María Casares. A gala tivo lugar onte no teatro Rosalía de Castro da Coruña e o espectáculo tivo moi presente ao recentemente finado Manuel Lourenzo, figura esencial do teatro galego e Premio Nacional de Literatura Dramática, cunha vida de compromiso como gran referente desta disciplina, que por suposto desenvolveu en galego. Precisamente a lingua galega marcou gran parte do Manifesto Galego polo Día Mundial do Teatro da man do activista e docente Carlos Callón e tamén o descurso da presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Eva Fórneas. «É unha sorte ter unha idiosincrasia propia na que a lingua xoga un papel fundamental… por iso é tan importante facer que a súa calidade sexa cada vez maior», expresou. Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, dirixida por Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo, era a gran favorita e reafirmouse como triunfadora indiscutible con seis galardóns dos 11 aos que optaba. «A UE recomenda investir un 2 % en cultura e en España a porcentaxe é de 0,8%», criticou, á vez que mostrouse partidario das novas compañías teatrais, pero reivindicou as xa veteranas como a súa, sobre a que detallou que deu perdas no 2025 pero «postos de traballo a moita xente».
Álvarez-Ossorio recalcou a difícil conciliación da súa profesión «con horarios que son unha tolería» e agradeceu a Cortegoso participar neste proxecto persoal baseado na historia do seu proxenitor. «A obra fala de unir pezas, unir xente», engadiu. Desta maneira sucederon aos triunfadores do 2025, Iribarne de ButacaZaero. Reconversión fíxose tamén cos recoñecementos a Mellor Espectáculo, Mellor Dirección , Mellor Texto Orixinal, Mellor Espazo Sonoro, Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo).
O intérprete tamén foi o mellor protagonista polo seu traballo en Un tal Romeo, coroándose sobre as táboas por partida dobre. «Dixéronme que xamais sería protagonista e hoxe estou aquí arriba», subliñou, á vez que destacou que a súa muller, María Peinado, foi a escritora da obra. Nomeou á TVG para que os premios formen parte no futuro da súa grella e solicitou ás administracións máis apoio e axudas. Terminou coa dedicatoria dos galardóns ás mulleres da súa vida: «Sodes a miña forza neste tremendo difícil traballo», recoñeceu emocionado. A alta calidade das propostas deste 2026 alzou como dobres gañadores a outros proxectos que marcaron a tempada escénica como: a serie clopen, produción do Centro Dramático Galego (Mellor Actriz Protagonista para Natalia Pajarito e Mellor Dirección de Movemento para Marta Alonso Tejada) e TROMSØ, de Morraoconto, cos trofeos de Mellor Espazo Escénico e Mellor Iluminación.
Nas categorías dirixidas ao público familiar, Berenguela na gaiola (Galeatro e Xarope Tulú) foi o Mellor Espectáculo Infantil e levou o premio de Adaptación/Tradución, mentres que A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica (Tanxarina) erixiuse como Mellor Espectáculo de Monicreques. A escenografía da gala estivo marcada polo azul do Valadouro e as doas tradicionais integradas nunha estética de festa popular coa banda sonora a cargo do acordeón de Sabela Dacal e unha cumbia que entrou dende o patio de butacas. O xogo escénico alternou momentos de humor coa lectura multilingüe de textos de Lourenzo en galego e francés ou o poema homenaxe recitado baixo un foco. Un dos momentos máis sobrecolledores foi o In Memoriam, soando Oxalá estiveras aquí co recordo dos artistas finados no 2025. A presidenta da AAAG, Eva Fórneas, fixo balance dos 30 anos. «Fortalecéronse as estruturas profesionais, ampliáronse os dereitos co I Convenio de Teatro de Actores e Actrices, abriuse a Escola de Arte Dramática de Galicia», resumiu, á vez que pediu «reverter a situación de hexemonía do castelán». A solemnidade dominou a lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, no que Callón percorreu a historia de persecución do idioma na escea. O Premio de Honra Marisa Soto recaeu na actriz e activista Luma Gómez, unha dama do teatro con 60 anos no oficio e máis de 50 espectáculos ás costas.
Aproveitou a ocasión para recoñecer o papel da súa xeración «para a constitución do teatro profesional deste país»: «Desde o comezo tivemos compromiso coa lingua e cultura galegas», asegurou. Tras citar a Lorca e recordar papeis que interpretou coma Lady Macbeth, pediu ás institucións «a protección da cultura propia». Esta foi a mensaxe máis repetida da noite por unha fronte común de actores galegos que amosaron a súa boa sintonía e a forza da loita conxunta pola profesión que aman.