Paco López-Barxas homenaxea a Otero Pedrayo no 50.º aniversario do seu pasamento
CULTURA
O xornalista vén de publicar «Ramón Otero Pedrayo, arredor de si», unha edición de luxo ilustrada polo debuxante Siro López que recolle textos e poemas de 60 autores sobre a figura do escritor ourensán
08 abr 2026 . Actualizado a las 21:17 h.Paco López-Barxas (Padrenda, 1952) homenaxea por partida dobre a Ramón Otero Pedrayo no 50.º aniversario do seu pasamento, o 10 de abril de 1976, que se conmemora mañá. Coincidindo ademais co declarado polo Parlamento galego Ano Oteriano, o xornalista e escritor ourensán vén de publicar, na colección de grandes persoeiros das letras do selo Teófilo Edicións, Ramón Otero Pedrayo, arredor de si, nunha edición de luxo ilustrada polo debuxante Siro López.
Parafraseando a súa novela máis icónica, Arredor de si, López-Barxas incorpora unha coroa literaria arredor de don Ramón, nunha selección de textos e poemas de 60 autores contemporáneos e actuais: 35 prosistas e 25 poetas, unha escolma con achegas inéditas que, en prosa e en verso, asinan, entre outros, Darío Villanueva, Felipe Senén, Siro, Olivia Rodríguez, María López Sández, Patricia Arias Chachero, César Antonio Molina, Vicente Araguas e Alfredo Conde; amais dun bo número de ourensáns, entre os que figuran poetas como Florencio Delgado Gurriarán, Celso Emilio Ferreiro, Pura Vázquez, Antón Tovar, Víctor Campio, Ferrín, Manuel Guede e Chus Pato.
Álbum ilustrado
Por outro lado, de próxima aparición e co título de Ramón e o pinsapo máxico, López-Barxas recolle a través da ficción a relación vital e intelectual de Otero coa natureza e a paisaxe, dende os primeiros anos da infancia, nun álbum ilustrado polo escultor ourensán Xosé Cid, que constitúe a súa ópera prima como debuxante.